antón
aviles de taramancos e urbano lugrís:
unha amizade marítima |
ás veces unha bágoa
coma o mar asolaga o corazón indisoluble
Luz Pozo Garza, "En memoria de Antón" 1
|
Corrían os anos cincuenta e o mundo
cultural galego recuperaba paseniño os espacios que lle usurpara a
longa e escura posguerra cando Antón Avilés Vinagre chega á Coruña
para cursar estudios de Náutica. Era aínda un adolescente pero xa se
iniciara na arte da poesía e pronto utilizaría o nome da súa vila
natal, Taramancos, en vez do segundo apelido, para asinar os seus
textos. Na Coruña, e dado o seu costume de non asistir regularmente ás
clases na Escola de Náutica, o xove Antón vai vivir unha serie de
experiencias que o abren a novas realidades e serán definitorias tanto
na súa arte como na súa propia biografía persoal. Por aquel entón,
na cidade atlántica residía Urbano Lugrís, o pintor de mariñas
surrealistas e o home que auspiciará o contacto de Avilés cunha
intelectualidade na que sobrancean os pintores (Alexandre González
Pascual, Xerardo Porto, Xosé Luis, Labra, Concheiro) e onde a farra e a
bohemia eran o sinal distintivo. O primeiro encontro entre Avilés e
Lugrís producirase, segundo conta o propio poeta en Obra viva 2, no xardín
de San Carlos, miradoiro privilexiado sobre a dársena coruñesa, a carón
dos versos que Rosalía dedicou a Sir John Moore -o gran mariño inglés
que repousa no propio xardín- e que figuran alí inscritos na pedra.
Parece ser, tal e como el mesmo di, que Avilés lía o poema en voz alta
cando se lle achegou Lugrís recitándoo de memoria. Seguramente se
escoitarían de fondo as buguinas dos barcos entrando a porto e a brisa
tería arrecendo a salitre no momento de verse por vez primeira como
corresponde a dous creadores nos que o mar ten presencia fulcral. A
partir de entón, a amizade medrará entre eles e non deixará nunca de
enriquecer o mundo persoal do noso autor que atopa en Lugrís algo máis
que un compañeiro, un mestre e un guía sendo como eran, ámbolos dous,
espíritos afíns.
Así, e para alén doutras
compatibilidades, entre pintor e poeta vai existir sempre unha
constante: a presencia do mar, tanto na súa obra como nas súas
circunstancias biográficas. Non en van, Avilés naceu fronte por fronte
coa ría de Noia que esculcaba desde a súa casa natal de Taramancos,
arribou á Coruña coa intención de estudiar Náutica e acabou
embarcando cara ás terras ultramariñas nun intento de vivir novas
aventuras, por máis que, de fondo, latexase un grave problema económico.
Pola súa parte, Lugrís orixinario da cidade herculina deuse a coñecer
como o gran pintor deses mares tan persoais que enchen os seus lenzos,
poboados de seres estraños que só poderían existir nunha cabeza tan
imaxinativa como a súa. Mundos submariños onde a vida se concentra nos
espacios, nos cuartos cheos de trebellos, caracolas, cartas náuticas,
barcos en botellas sempre a faceren unha singradura fantasma... Toda
unha imaxinería propia que o gran artista irá creando e que fascina ó
xove escritor na súa fonda pegada surreal e fantástica. Así, Avilés
atopa nos cadros de Lugrís un mar que, lonxe da súa idealización, se
converte no centro de todo e se vive intimamente e isto suscita nel a
mesma emoción que os versos de Manuel Antonio lle espertaran e que
demostra cando os cualificaba como "un fólego de ar puro" que
"viña do mar, e non de contemplar a paisaxe mariña senón da vaga
mesmo onde o mar se fai mar e se sente o centro do mundo ou ao menos o
centro da soedade do mundo. Desde ese habitáculo que é o navio o home
mide-se coas estrelas, que é a medida máis antiga da humanidade"
3 Lendo estas palabras de Avilés non é de recibo que sobre a súa campa
figure gravado un veleiro, símbolo da liberdade e da aventura que
marcarían a súa vida.
Con todo, o océano separou fisicamente ós dous amigos cando Avilés
emigrou a América mais, aínda nas terras do Cauca, seguían tendo
contacto epistolar. Nas súas cartas, Lugrís mantén a ilusión dun
reencontro que xa non se producirá pois morre estando aínda Avilés
lonxe da Terra. A elexía polo amigo non se fai esperar e así xorde o
"Pranto por Urbano Lugrís":
Estou agora, Urbano, mordendo unha flor
negra no medio da vida
cunha sede abismal de beber tódalas cráteres do mundo
de onde vai saír a túa voz de capitán antigo
bruando coma un temporal oceánico, ou acaso o balbordo
das caballeiras silúricas onde zunía-lo teu corno de ouro.
Estou inerme debaixo da besta apocalíptica
torcéndolle os testículos: son o profesta enfurecido
que non pode entende-la túa morte, a túa morte, a túa morte.
¿Quen vai coidar agora dos soños na
fronteira da Patria?
Ouh, guardián terrible. Argonatura, Vello titiriteiro conmovido.
Esta noite zugo o viño máis ácedo. Esta noite cavo leguas
profundas de memoria pra camiñar contigo
novamente,
agardo vixiante nas illas mais remotas a túa fragata,
a túa nave inconsútil.
Asisto cun ferro atravesado nas virillas
ó enterro da miña mocedade. E escoito
a treboada universal cando derruban a pirámide
e os cabalos das batallas pisan aqueloutrados
o noso tempo
onde a túa grande man de mariñeiro crepuscular
prendía os astros.
Asoballado por única vez, cun lobo
famento nas arterias,
atravesas un país xiado
e cantas con voz rouca nos subterráneos boreais o teu amor
e un milleiro de defuntos apodrecidos pola ira
cóbrense entón de rosas e lembran o fulgor da súa terra.
Se non fora tan lonxe, ¡con que ardentía
de compañeiro de catástrofe
tiña de calafatea-los teus ósos, coutando con barro elemental
esa longa ferida
que un deus sen pálpebras furou na túa illarga!
Era-la derradeira esperanza do mundo.
Pastor de naves,
cun corazón multicolor de tirreme fenicia
amába-la rota fundamental dos exploradores celestes
e intimamente andabas
polos tellados vestido de astronauta galego.
¡Meu amigo sobrenatural!
Hoxe desexo, tanto coma Ulises, atopar
unha barca que me leve
ás costas de Galicia. Son prisioneiro dunha forza estraña.
Navegamos a cegas por ríos diferentes
e o noso canto retumba nos confíns da saudade,
os dous loitamos con yatagáns de aceiro contra o tempo,
o teu xa tan preciso, o meu tan vago,
fuxidío
que me acoitela en tódolos recantos.
¡E esa dor e non verte, meu amigo!
4
|
Non sería este o único texto que Avilés
dedicase a Lugrís 5 pero si o máis significativo por canto foi escrito
cando aínda experimentaba o poeta a viva conmoción pola noticia do
falecemento do seu compañeiro 6. No pranto, o mundo mariño axuda a
crear unha atmosfera de sufrimento extremo mentres se procura a nave
fantasmagórica que conduce ó amigo morto cara ó alén. A elexía diríxese
á morte da persoa pero nunca á do sentimento de amizade que seguirá
vivo en Avilés ata a fin dos seus días, tal e como o demostra cando
fala de Lugrís nos seguintes termos:
"Sinto aínda o calor da sua grande
man amparando-me. Agora que non sei onde andan o seus ósos, atropelados
aínda despois da morte polo destino implacável, e sinto a preséncia
afectuosa e imensa de Urbano Lugrís guiando a miña man para desvelar o
mistério dun verso ou para abranguer unha paisaxe ida na que de súpeto
cruza unha fragata e chega un arrecender antigo de mercadorias e de
portos nocturnos nos que só el podia entrar e abrir-me as portas" 7. |
Pois, quen coñece todos os mares, os fondos abisais e os máis recónditos
rincóns, nunca abandona a singradura nin se deixa sucumbir perante ese
"crime tan escuro/ de asesiñar veleiros triunfadores" 8.
Veleiros como foron Antón Avilés de Taramancos e Urbano Lugrís
entrelazando os seus ronseis.
---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------
[1] Cfr. Luzes de Galiza, 21, 1993, p. 13.
[2]
Cfr. Avilés de Taramancos, Antón, Obra viva, Laiovento, Santiago de
Compostela, 1992, p. 213.
[3]
Cfr. Avilés de Taramancos, Antón, "Manuel Antonio: revolución
permanente", artigo publicado en xuño de 1991 e recollido en VVAA,
Antón Avilés de Tarmancos, A Nosa Terra, Colec. "A Nosa
Cultura", 21, 2002, p. 55.
[4]
Orixinariamente publicado en La Voz de Galicia o 11 de xuño de 1974,
este poema figura recompilado dentro de Os poemas da ausencia II no
volume O tempo no espello, Ed. do Castro, Sada (A Coruña), 1982, pp.
167-168 de onde o reproducimos.
[5]
Aí están os dous poemas que aparecen en Os poemas da ausencia II
(Cfr. O tempo no espello, Op. cit., pp. 127-130) e tamén, entre outros
escritos, a "Carta gnómica a Urbano Lugrís" (La Noche, 1959,
logo reproducida en VVAA, Antón Avilés de Taramancos, Op. cit., p. 59)
e os artigos que aparecen en Obra viva: "A contraluz. Urbano Lugrís"
(pp. 69-70) e "Arte submariña" (pp. 213-216).
[6]
O propio poeta explica que "Algún día chegou-me á selva de
Casenare o seu SOS da miséria, pero xa non puiden máis que facer o
PRANTO polo amigo morto. Estou certo que a pantasma benquerida de Urbano
Lugría chegou-me naqueles dias ao mato do Amazonas, pois anduven un
tempo ulindo a mar no medio da planura" (Cfr. Obra viva, Op. cit.,
pp. 215-216).
[7]
Cfr. Obra viva, Op. cit., p. 69.
[8]
Cfr. O tempo no espello, Op. cit., p. 129. Estes versos pertencen ó
primeiro dos poemas que, incluídos dentro de Os poemas da ausencia II
(1969), dedica Avilés a Urbano Lugrís.
Papel de Color, Casa da Gramática nº 2, Maio 1998, Noia
|
|