Hai Kus para o longo do día
En memoria de Antón Avilés de Taramancos



Campá no albor,
submúsica moral
riba do soño.


O paxariño
dicta a novela lírica
capitulada.


As flores brancas
nacen para que as outras
teñan colores.


Ó violoncello
afináronlle as cordas
vellas traxedias.


Paisaxe idílica:
río contando historias

para ninguén.


Onda o poeta,
hai lume de palabras,
cinsa e vento.


A luz, ciumenta,
colga da lúa a noite
e envexa o cadro.


A noite é un jazz-band
que interrompen os grilos
cos seus aplausos.


Xeometría:
cama, paredes, fiestra,
fuga de soños.





          Helena Villar Janeiro, Casa da Gramática nº 17, marzo 2003, Noia.


© 2003 Biblioteca Virtual Galega