EU SON ISE HOME ACANTOADO

                                   A A. Avilés de Taramancos



Eu son ise home acantoado
ao que non se lle pode dirixir a palabra,
que non entrou no xogo
para non empeñar a inocencia dos outros.
O home que afastouse da circulación
e inda ten unha roda no cor
ca vertixen da dor e dos días.
Emporeso eu son o meniño que rexurde nos ollos do abó,
e o abó que agora entende que a vida non acaba ca vida.
Adroleiro eu son a rede e mai-la onda azur,
milleiros de dudas e fíos e nudos entretecen meu ser
onde o mar sarilleiro é un ceo,
Mais nunca nun peixe a trocarme atinei.
Eu son ise azur que se afonda en sí mesmo
no ventano e no fondo do espello, no trigo,
Son o remo e o brazo e a onda que medra nos ollos,
a roca e a lá co seu fío tan longo que se perde no tempo
e o gato que xoga co seu enguedello
ao pé dunha vella de lume
e o lume no que tudo rexurde.
E cecais son o selo da carta cabeira.
O barazo ao estremo da corda
e o aforcado que camiña como si tal cousa.
Mais nunca nun peixe a trocarme acadei.

Tomás Barros, Vieiro de Señardade, Ediciós do Castro, 1987


© 2003 Biblioteca Virtual Galega