MARIÑEIRO... ANTON





¿Onde vai aquel neno
que escoitaba abraiado
o resoar dos martelos
na calma verde do ar?

Chegan de lonxe os golpes
como un lonxano ecoar,
carpinteiros de ribeira
aló, na outra banda,
martela que te martela,
martelan sen acougar.

Mariñeiro celeste
de singladuras e naufraxios
fuxiu nun soño inocente,
mudo xa o cantar.

O cantar xa mudo
non o poderá continuar,
mais o corazón, teimudo,
non o ha de olvidar.

Espido foise
buscando o escuro,
buscando refuxio
no colo da nai...

¡Mariñeiriño neno
escoitando os martelos
solemnes, espaciados,
na tarde inmovil
contra as madeiras
a resoar..., a resoar!

Tamén nós agora
escoitamos o canto
do irmán que se foi
á outra beira do mar
deixándonos en soedá.

Tamén nós o escoitamos,
como el os martelos,
dentro de nós a medrar.
Porque o sentimos dentro
nin tempo, nin morte, nin xelo
no-lo poderán apagar...

                         Xulio L. VALCÁRCEL
                         (A Coruña, 28-29, 04-98)


               Papel de Color, Casa da Gramática nº 2, Maio 1998, Noia


© 2003 Biblioteca Virtual Galega