Na partida do amigo Antón Avilés de Taramancos
Ana Romaní. Abril, 1992


"Fomos ficando sós
o Mar o barco e mais nós".
                  (Manuel Antonio)

"...É un veleiro
E navega nas rotas que tece o corazón"
                 (Avilés de Taramancos)

 

Que navegación emprendes, amigo,
agora que o veleiro azul
agarda co velame presto.
Que navegación emprendes,
presurosa e sorprendida,
que nos deixa os Cantos para a nostalxia
e a fría cor do escuro,
do amor elemental, o máis firme,
sen a palabra.

E se na memoria procuro a man
sucando de paixóns a vida,
a páxina,
se procuro os ollos, a túa cálida benvida
do retorno a porto, en Noia,
procuro a túa voz no tempo do poema
e o ritmo suave do verso
coa forza das espigas e o abrollar da terra.
Sei que "será o meu corazón quen sinta o vento"
e esta dor inmensa, elemental, de tan humana "torre no ar".

Que navegación emprendes
que nos deixa definitiva
a rosa do Canto
e a ausencia do amigo,
"e esa dor de non verte".
               —E nós ollando desolados
o veleiro a sucar novamente
o ventre máis escuro do mar,
sós, co paquebote azul
e os Cantos.—

Que navegación te leva
irrepetible amigo, que sabías da palabra
e a emoción sincera.
"Ter unha casa en Chachahuí"
e regresarte, Antón, en Noia.
Que navegación é esa tan urxente que te arrastra
e nos rouba o mastro firme
que mantiña o corazón,
meu amigo.

          Papel de Color, Casa da Gramática nº 2, Maio 1998, Noia


© 2003 Biblioteca Virtual Galega