Un recordo. Unha homenaxe

Roxelio San Luís



     Avilés, que espertas sonos cos teus soños: Neste ano has ter unha chea de gabanzas. Hoxe só quero lembrar un feito, na nosa mocidade, cando me agardabas á noitiña en Noia. Fixemos un percorrido pola vila e achegámonos a un baile nunha sociedade. Estiven a bailar cunha fermosa loura mentres ti falabas de contino e tiñas sempre na man a mesma cunca, pero non o mesmo viño.
     Ó que rematou a festa, tiramos cara a Taramancos, alumeados polas estrelas, coa conversa de arelas que aínda non agromaran na árbore do tempo. Durmín na casa dos teus pais. Á mañá díxenche que voltaría axiña a Taramancos.
     Non foi deste xeito. Volvín no teu pasamento. A igrexa e mailo cemiterio atopábanse ateigados. Fúche-lo poeta do pobo, o concelleiro de Cultura do Concello de Noia, e o pobo non te esqueceu. Estabamos todos e botamos en falla ós de sempre.
     De súpeto, vin o teu cadaleito coa bandeira galega por riba. Amoseime tristeiro e dei en cismar: Os deuses tamén morren mais fican a carón de nós.

A Coruña, 2003


© 2003 Biblioteca Virtual Galega