Álvaro Cebreiro



«Foron Xaime e Xosé Ramón Vilar Chao os que me levaron ao pé de Álvaro Cebreiro no seu leito de enfermo. Eu via os ollos de Álvaro a relocir de febre baixo das sabas de encaixe, e non sei por que o teño que ver desde agora coa pucha posta, redonda como as que el debuxaba e máis un rictus de sarcasmo ou ironia diante da vida e diante da morte. Realmente estaba canso de todo. Canso da enfermidade que o devoraba, canso das guerras e da persecución e canso de aturar no seu feble lombo de artista tanta ignomínia dos anos derradeiros.
Conversamos tardes enteiras sobre Galiza, sobre Manoel António e sobre Teixeira de Pascoaes, o santo laico portugués profeta e mártir do saudosismo. Conversaramos sobre París. Alvaro fora a París co propósito de aprender francés e viñera falando un portugués da Baixa con fonética aspirada de camponés auténtico. E todo fora por ter atopado na pensión na que recalou de primeiras con dous pintores lusitanos dos que foi amigo toda a vida.
Aquela figura de Álvaro Cebreiro deitado e moribundo quedou-me sempre como un símbolo da Coruña daquel tempo, tempo escuro de posguerra e villania no que as famílias que lle deran alento e trascendéncia ao nacionalismo andaban encolleitas e sofridas, vilipendiadas polo réxime de terror imposto polos vencedores.
Todo estaba calado como se un grande vendaval de corisco arrasara as sementeiras. Andaba silencioso Vilar Ponte, andaban silenciosos os Carré Alvarellos, e andaban silenciosos os fillos dos que cairan na ceifa criminal como Diaz Pardo e algun máis. Somente se oia de cando en vez a risotada imortal de Reimundo Patiño, case púber, facendo-lle un corte de mangas ao poder. Un tiña que beber na fonte da liberdade ás agachadas, pois habia mil ollos a fitar cada intención ou cada movemento.
Quedou-me para sempre gravada na memória esa imaxe de Álvaro Cebreiro embozado na roupa da cama, ardendo de febre na penumbra e berrando desde o fondo da alma ao compás da voz de Manoel António: Máis Alá, máis Alá!.
Niso andamos ainda, compañeiro.»

«Álvaro Cebreiro»,
Barbanza nº 33,
2ª-06-1989


© 2003 Biblioteca Virtual Galega