A criación poética


«A criación artística é sempre un acto de rebeldia; é o acto antiteolóxico de desencadear mundos novos, diverxentes, nun xogo de espellos que reflecten a realidade dun mundo irreal que o criador se atreve a antepor ao mundo feito e ordenado por un Deus mitolóxico [...]
[...] Poesia é iso que desvela o mistério. Ir enchendo de luz un espácio fechado, dar unha nova dimensión aos anseios permanentes nos que a criatura se recria e se fai cada vez máis perfeita dentro das lindes da imperfeizón [...] E cada povo ten o sinal do canto —do seu canto próprio e intransferível— gravado na célula primária, que se vai abrindo como unha rosa afervoada de cara ao futuro, de cara á liberdade plena: esa utopia necesária que é o princípio da vida e o fin da loita [...]»

«Criación e rebeldia»,
III Encontro de Escritores
setembro de 1986




«A fonda angúria da necesidade de criar, a sua cerne mitolóxica, está na certeza inconsciente de que a perda do paraiso é para sempre e, que na sua busca a traveso da palabra, na loita contra o tempo, na recriación dos diversos paraisos fictícios que poden dar a emoción, a imaxinación e a estrutura literária, encontra-se esa sensación de triunfo como unha rosa que florece nas ruinas das edades. A transitoriedade do home, a inaprensión do que se vai perdendo, pode quedar prendida no transfondo dun verso, [...]»

«Na percura dunha paisaxe»,
1988


© 2003 Biblioteca Virtual Galega