Noia


«[…] O certo é que Noia no futuro será o corazón do seu mundo. Ainda conservará o seu encanto dentro da friaxe do mundo exterior. Xentes desasosegadas virán percurar eiqui o seu acougo. Haberá un ar leve e festeiro e ainda o derradeiro mohicano, descendente de Carlos Campanilla, riscará nun instrumento parecido á guitarra, coa mesma estridéncia que el lle dá agora, un ecoar de músicas de resoáncias célticas que deixará abraiados aos viandantes vidos doutros planetas. […]
O futuro non é máis que ese tremor xiado que sentimos de non poder vivé-lo. Pero brillará o noso pó nas névoas, nas pedras dos camiños. Na eternidade.»

«Memória dos anos 2000»,
Barbanza nº 13,
2ª-08-1988




«Cando se está lonxe, cando os camiños da vida arrincan de raíz a alma do seu soño, e a transportan a descoñecidos horizontes, queda prendida dun fio feble e vital —como é o cordón umbilical— a derradeira imaxe do entorno no que se respirou sen agóbio, no que se amou con ternura, e no que se adeprendeu a simples teoria das cousas sinxelas, o voo dos paxaros ou a calma dominical dunha mañá de feira, e leva-se como nunha cinta gravada os rostos da xente e o perfil das casas e dos montes. Coñece-se ainda árvore a árvore e pedra a pedra de cada camiño. Esa imaxe permanente aflora no corazón cando un se sinte perdido, cando está sulagado de saudade, e cando perdeu a esperanza de volver.
A visión máis nídia é sempre o mundo da nenez —a pátria e a nenez, dicia Rilke— os xogos, os amigos, os sabores que se perderon para sempre. Desde lonxe ve-se Noia desde ese ámeto e desde a impresión final da despedida. Logo reflexos constantes de momentos vividos en diferentes épocas que abrollan na memória e fan-nos sorrir ou entristecer segundo a mensaxe que nos emitan ou o estado de ánimo que nos acompañe. […]»

«Memória de Noia»,
Barbanza nº 36,
2ª-08-1989


© 2003 Biblioteca Virtual Galega