1934.- CARTA DE CASTELAO A XOAQUÍN LORENZO



            Sr. Dn. Xaquín Lorenzo 

                       Meu querido irmán: Moito che agradecín a túa carta e o traballo que publicaches no Porto, que está pero que moi ben.
                       Pois xa vés. Estou na Siberia hespañola e n'unha vella cibdade amurallada que parece de cartón. Todo eiquí é pura escenografia e puro finximento. Queren ser andaluces e nótaselle que non-o son. Queren cantar flamengo e parecen de Lalín. Moito porco, algúns ricos, moitedume de famentos... Eu estou eiquí; pero non estou. Recibo moreas de cartas que son unha ledicia, e todas reven entusiasmo (non sei se o sinten de verdade porque o forno non está para bolos). Estas cartas son a fiestra por onde eu vexo. Dispois contesto as cartas e de paso relembro a Terra e fágome ilusións. 


                       Xa coñezo a todol-os galegos que hai en Badajoz. Son como as caixas de galletas. O que me fai cavilar é que o galego máis amigo meu é un persoaxe da miña novela, aquel que apañou as pólizas. Bueno; eu apliqueille este pequeno roubo a Pedro; pero quen o fixo foi este amigo que vive en Badajoz. Pois ben; colleume tal amor que non me deixa e teño un medo condanado de que lea a miña novela. Este probe empregado da Facenda canta moi ben e n'estes dias de chuiva andamos a pasear debaixo d'un paraugas e contamos as nosas cousas. Onte estaba de garda; cun fusil e todo, un dos de asalto que é de Lalín, e andivemos â súa veira cantándolle un alalá, para ver se o facíamos chorar. Tamén é moi amigo meu o cobrador do Banco de España -un rapas de Lugo que cantou n'un orfeón que por esto tenlle certa tírria ôs de Ourense-. Se non fose por esta chata era un bó galego, pois mórrese por Galiza. 

                       En fin; este mundo éche unha parranda e se non fose porque a nosa Terra é un anaco do mundo non valía a pena de vivir.
                       Estou agardando as vacacións de Pascua para pillal-o tren e marcharme a encher os ollos de paisaxe e a fortalecer un pouco o esprito e tamén o corpo, pois eiquí nen son feliz nin me manteñen as comidas. 
                      
                        A túa carta fíxome rir e cáseque tes razón no que dis dos estremeños. O que teñen de bó é que colleron algunhas verbas portuguesas. Din, por exemplo: -¡Fecha la puerta! 

                       Unha criada do Hotel (non te alarmes; pago 6 pesetas nada mais) perguntoume se Galicia era de Hespaña. Eu, craro está, díxenlle que non.

                        O Sebastián xa está en Madrid co-a memoria do doctorado rematada. ¡Viva don Sebastián!.

                       Faime o favor de ofrecerlle o meu garimoso saúdo a túa nai e de decirlle que me levo acordado moito d'ela, pois sei eu ben da súa door. Afortunadamente ainda está i-estará forte, rexo e disposto a gañar mundos o seu Xaquín. A miña muller e máis eu quedamos cegos. 

                       Bueno, rapas. Recibe unha forte aperta do teu irmán. 

                                                                                                                                  
Castelao 

                        Badajoz, 14-XII-1934 

[Reprodución autorizada polo Museo do Pobo Galego]


© 2004 Biblioteca Virtual Galega