XAquín lorenzo e o seminario de estudos galegos


Rubén Anido Regueiro








    O 12 de outubro de 1923 uns mozos universitarios fan unha excursión a pé ao lugar do Castro de Ortoño (Ames), á casa onde Rosalía de Castro pasara boa parte da súa nenez. Eses mesmos mozos, o día 21 do mes devandito, farán posíbel que se constitúa, na vivenda do profesor Armando Cotarelo Valledor, un organismo adscrito á universidade compostelá que de aí en adiante ha de levar o nome de Seminario de Estudos Galegos.
     En primeiro lugar, cómpre subliñarmos que o Seminario naceu pola necesidade de dispor dun centro universitario de investigación e divulgación da nosa cultura que, estreitamente relacionado coa Facultade de Filosofía e Letras, chegou a aglutinar e presidir o labor dos escritores de preguerra. E é que o obxecto primordial do Seminario foi, sen dúbida, a formación de investigadores que levasen a cabo o estudo científico de Galiza en todas as súas manifestacións de cultura, se ben organizou tamén, con notábel éxito, exposicións, ciclos de conferencias e sesións públicas que pretendían dar a coñecer ao maior público posíbel todo o labor que os seus membros ían desenvolvendo. Algúns exemplos destas actuacións témolas na celebración, durante o curso académico 1924-1925, da "Festa da lingua galega"; ao ano seguinte, seguindo unha liña parecida, organizarase a "Festa da prosa galega"e, en xeral, podemos afirmar que se realizaron importantes campañas de estudo por equipos a nivel práctico, percorrendo o país. Neste sentido, tampouco podemos esquecer o importante esforzo editorial que tiveron que afrontar os homes do Seminario, publicando até o sexto tomo dos seus Arquivos, ademais de levar á imprensa traballos de conxunto xa clásicos como Terra de Melide ou Vila de Calvos de Randín. Esta última obra ten como autor a Xaquín Lorenzo, quen a levou a cabo coa colaboración do seu mestre e mentor, Florentino López Cuevillas.
     Moi posibelmente Xaquín Lorenzo estivese entre os mozos que impulsaron a creación do Seminario, pois naquela altura el xa estaba matriculado como alumno non oficial na universidade. Desde os primeiros momentos os fundadores chegarían a conseguir a incorporación á incipiente institución duns cantos persoeiros que, de seguro, aceptaron a invitación sen dubidar. Entre eles, os máis coñecidos habían de ser tres en concreto, que se farían cargo cada un deles dunha sección: Vicente Martínez Risco (sección de etnografía); Florentino López Cuevillas (sección de prehistoria) e mais Ramón Otero Pedrayo (sección de xeografía).
     Sería o segundo, Florentino López Cuevillas, quen apoiaría a Xaquín Lorenzo para este ingresar no Seminario como colaborador oficial. O feito de aquel ver como o de Lobeira elaboraba unha maqueta dun carro do país cuns apuntamentos que tiñan a ver fundamentalmente coas partes do mesmo e os seus nomes correspondentes, moveu ao xa por aquel entón celebrado estudoso da prehistoria a impoñer ao xoven Lorenzo un traballo pormenorizado sobre o carro galego.
     E é que para ingresar no Seminario de Estudos Galegos era requisito imprescindíbel a elaboración dun estudo sobre un tema determinado que fose da especialidade do aspirante. O que apresentou Xaquín Lorenzo levaría o título de "O carro galego", e foi lido por Lois Tobío Fernández o 1 de Maio de 1926. Este mesmo día, o secretario xeral, Sebastián González García-Paz, fíxolle entrega do carné que o acreditaba como "socio aitivo".
     Xurxo Lorenzo, irmán de Xaquín, tamén estivo moi vencellado ao Seminario de Estudos Galegos, e mesmo compartía con "Xocas" a vontade galeguista, que demostrou ata a súa prematura morte no ano 1934. Cando ambos van estudar a Santiago de Compostela matriculándose como alumnos oficiais na Facultade de Filosofía e Letras (curso 1931-32) xa poden, ademais de traballar na sé do Seminario, desempeñar cargos dentro del. Deste xeito, e a modo de exemplo, nunha sesión que se celebrou o 15 de Outubro de 1932 co obxecto de elixir unha "comisión directora" figuran os nomes de ambos os irmáns, Xurxo como secretario de actas e Xaquín, pola súa parte, desempeñando o papel de contador. Nesa mesma xuntanza, ademais, este último pasou a formar parte da comisión de publicacións xunto con Iglesias Iglesias, Carro García e Bouza Brey, ao mesmo tempo que foi nomeado director do museo.
     Xaquín Lorenzo, por outra parte, xogou un papel salientábel na vontade de creación dunha colección de manuais dirixidos fundamentalmente ao ensino primario. Outros seminaristas que se preocuparon tamén de levar a cabo esta empresa foron Filgueira Valverde, Vázquez Martínez, Parga Pondal e Fraguas Fraguas. Mais, por falta de editor esta iniciativa quedou tan só nun bo propósito que nunca veu a luz.
     Nos anos 1933 e 1934 Xaquín Lorenzo apresenta dous textos que hoxe consideramos fundamentais no conxunto da súa produción: por un lado, "Notas etnográficas de Lobeira: o liño e a lá", que se publicou no sexto tomo dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos e, polo outro, "Notas para un cuestionario de etnografía: embarcacións". Neste tempo (curso académico 1933-1934) desempeña o labor de "conselleiro", se ben xa non como alumno da universidade de Santiago de Compostela, senón da de Zaragoza.
     Remata a carreira en 1934. Regresa á cidade do Apóstolo e é nomeado "conselleiro permanente", cargo que ostentará ata o momento da disolución do Seminario en 1936. Nesta época tomará parte en multitude de actos de carácter cultural como conferenciante, como é o caso da Semana Cultural Galega que se celebrou na cidade de Porto entre os días 31 de Marzo e 6 de Abril de 1935. Pronunciaron conferencias, á parte de Xaquín Lorenzo, homes como Ramón Otero Pedrayo (que leu o seu discurso inaugural), Vicente Risco, Francisco Fernández del Riego, Isidro Parga Pondal, Alfonso Rodríguez Castelao, Xosé Filgueira Valverde... Ao seguinte ano, en 1936, haberíase de celebrar a Semana Portuguesa en Galiza, mais as circunstancias derivadas do comezo da guerra civil impedirían dar cabo a este propósito.
     E é que a partir do 18 de Xullo de 1936 empezan a se dispersar os fondos bibliográficos e museísticos do Seminario de Estudos Galegos, dos que en boa parte se incautará a universidade compostelana. O que desde o ano 1923 fora o centro de cultura máis importante do país tornarase, do día á noite, nun simple recordo: o Seminario de Estudos Galegos contaba coa biblioteca máis importante da súa época no tocante a obras de Antropoloxía, Etnografía e Prehistoria, disciplinas polas que se interesou vivamente, alén doutros, Xaquín Lorenzo.
     Xaquín Lorenzo, xunto con Fermín Bouza Brey, Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas Fraguas, Ricardo Carvalho Calero ou Isidro Parga Pondal, entre outros moitos, pertence ao grupo do Seminario de Estudos Galegos. Hai quen non dubida en cualificalo de xeración, con mestres pertencentes fundamentalmente ao grupo Nós: Antonio Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Vicente Martínez Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Rodríguez Castelao, etc.
     Cando estala a guerra civil algúns dos membros do Seminario de Estudos Galegos estaban a traballar nas terras do Deza, sorprendéndoos aquí o inicio da contenda. Nese momento, Xaquín Lorenzo estaba a traballar nunha obra semellante ás xa publicadas sobre Calvos de Randín, Velle e Melide, mais finalmente non puido rematala, ficando tan só das investigacións do ourensán unhas cantas anotacións, algúns esbozos e un pequeno feixe de debuxos.



© 2004 Biblioteca Virtual Galega