O Carro


     «O feito máis interesante na historia do carro é a persistencia da súa estrutura, que demostra, ó noso ver, non un primitivismo senón unha perfección.»

«O carrexo», en A Terra, p. 321.




     «Máis complicada aínda é a nomenclatura. Os nomes das pezas do carro teñen un enorme número de variantes dun alto interés filolóxico mais que non son deste intre. Nós imos usa-la nomenclatura máis corrente indicando, cando sexa preciso, algunhas das variantes.»

«O carrexo», en A Terra, p. 322.




     «O carro consta de dúas partes: o chedeiro e o rodado. Forman o primeiro a mesa do carro coa lanza e os artellamentos do eixe, e o segundo o eixe coas rodas.
     O chedeiro consiste nunha grade formada por dous langueiros, as chedas, vergadas por un extremo no que empatan noutro largueiro que avanza por diante, o cabezallo, e chega, anque non sempre, até a traseira. Estes tres elementos consolídanse por medio dunhas travesas, cadeas, tamén de madeira. As chedas e o anaco de cabezallo que queda entre elas, coas cadeas correspondentes, fan a grade, que vai cuberta con táboas, formando un piso, sollo ou sellao. O cabezallo ten unha ou dúas furas no extremo dianteiro e alí métese un pau atravesado, a chavella, vertical nuns sitios e horizontal noutros, que serve para o xunguir. Algúns carros levan unha entalladura en troques da chavella; esta entalladura chámase mosa. As chedas levan cada unha catro ou cinco furas nas que entran outros tantos estadullos ou fumeiros, estacas de madeira que rematan en punta. Por entre os estadullos pódense pór dúas táboas, ladrais, ou dúas armadillas tecidas de vergas, canizos para que a carga non se caia. Algúns canizos son dunha soa peza, domeándose por diante para da-la volta ó chedeiro; detrás pode levar unha comporta, recadén, que pecha totalmente o chedeiro convertíndoo nunha caixa.»

«O carrexo», en A Terra, pp. 322-323.


© 2004 Biblioteca Virtual Galega