O gado


     «Nos nosos días ten aínda o gado unha gran importancia en Galicia e son moitos os lugares que viven fundamentalmente do seu coidado.
     O conxunto dos animais que viven a carón do home, dependendo del, é coñecido co nome de facenda, sendo curioso o feito de que este nome non se aplica ás demais cousas de que é propietario o campesiño senón únicamente ós animais.»

«A facenda na actualidade», en A Terra, p. 189



     «As vacas e os bois son, sen dúbida, a base da economía dos nosos campesiños até o punto de calcularen a súa riqueza polo número de bois e vacas de que son donos.
     A xente do campo sente especial afeizón por estes animais, non só pola utilidade senón tamén pola súa nobreza, xa que son quizais os máis mansos que cría á súa beira.
     Este gado é vello entre nós: segundo a testemuña dos clásicos, xa rendía os seus produtos ós habitadores dos castros e, de feito, téñense atopado nas citanias pezas da súa dentamia.»

«O gado vacuno», en A Terra, p. 196.




     «O gado de raza galega é dun grandor medio, coa cabeza ben proporcionada, fronte e cara planas, órbitas saíntes, fuciño estreito e longo, cornos grandes, elípticos, dirixidos cara a fóra no comenzo e dobrando despois as puntas para atrás; orellas grandes, pescozo forte, lombo estreito, patas curtas e finas, pesuña longa e dura, rabo groso e membranas vermellas.»

«O gado vacuno», en A Terra, p. 197.




     «O porco é fundamental na vida campesiña, xa que el resolve gran parte da mantenza da xente, especialmente durante o inverno. De eiquí o interés que teñen por el as nosas xentes e os coidados que lle adican.
     O porco chegou a ter, nos vellos tempos, carácter sagrado e el dá nome a unha cultura: a dos ' verracos'.»

«Os porcos», en A Terra, p. 210.

© 2004 Biblioteca Virtual Galega