Otero Pedrayo


    
Otero Pedrayo... É difícil facer unha análise dese home, por unha razón, era dunha actividade tan grande, tiña unhas cualidades humanas, físicas, morais, tan estraordinárias que é difícil analizá-las todas. Hai que partir dunha base, eu atopei-me con dous homes na vida que neste aspecto eran iguais: Otero e Castelao.
     [...]
     Por outra banda, Otero éra dunha estatura elevada, réxio, cheo de vida, cheo de actividade. Un home no que se vía unha forza contida. Daba a impresión que aquela gran humanidade de Otero non daba abasto para conter o seu espíritu e o seu pensamento. Logo era, probabelmente, consecuéncia desa prestáncia, dunha cortesia tan extraordinaria, que cando un chegaba onde el, sobre todo na sua casa, sentia-se cheo de ledícia, cheo de confianza. Para el o que entraba na sua casa era exactamente igual, fose cal fose a categoria que tivese.
     [...]
     Porque as suas ideias corrian moito máis que a sua voz, que a sua palabra. Tiña unha imaxinación, un xeito de expresar-se, dicia unhas cousas tan impresionantes que a un lle parecia normal aquela falla de lóxica na exposición das ideas.
     [...]
     Como sabe vostede, Ramón Otero Pedrayo neceu no 1888, por certo que hai un dato curioso, e é que o número 8 é fatal para Otero: naceu no 1888 e morreu en 1976 cando cumpria 88 anos, precisamente o dia que nacera. Veu a luz na Rua da Paz, pero naqueles dias o seu pai plantou en Trasalba, no pazo que ali tiña unha araucaria; esa araucaria tiña a mesma idade que don Ramón. Derribou-na o vento o ano anterior á sua morte, e levou o home un disgusto tremendo. Logo, a caixa en que foi enterrado era da madeira desa araucária.
     [...]
     En "Arredor de si" Otero, fai unha proxección do seu espíritu sobre aquela vida que el viviu en Trasalba. El observaba como vivía a xente, as preocupacións dos demais que coincidían coas suas e que chamaban a sua atención. Otero nese aspecto era un home intimamente ligado co campesiñado.
     [...]
     Otero queria erguer aos galegos e dar-lles unha dimensión universal. Queria que tivesen unha personalidade. Mire vostede, eu aprendin deles unha cousa, unha esperéncia que me ten valido de moito e que me ten producido moitas satisfacións. Ás veces diante dunha paisaxe, eu poño-me a contempla-la. Vexo árvores, vexo regatos, vexo verde, vexo as nuvens no ceu, escoito o cantar dos paxaros... pero deseguida dou-me conta dunha cousa, de que aquela paisaxe non é mais que unha parte da paisaxe: que a outra parte son eu mesmo. Que eu, espectador, formo parte desa paisaxe. Hai intres incluso, en que sinto o que para min é en realidade a verdadeira definición de saudade. Sinto algo asi, como a necesidade de anular-me, de fundir-me na paisaxe. Cecais esto, teña algo de heréncia dun vello panteismo galego.
     [...]
     Era o espíritu de Ramón Otero, o de estar xunguido a Galiza baixo todos os aspectos. De aí que a sua literatura, o seu pensamento, o seu traballo, a sua política foi sempre pensar en Galiza como fin fundamental da sua vida.
     [...]
     De calquer cousa que fala-se tiña el algo que decir que os demais non sabian. Lembro-me cando fixo as oposicións á Universidade, o tribunal estaba abraiado. Porque un dos temas que tivo que desenvolver foi unha leición sobre os Andes. E cando aquel home se puxo a citar montes, picos, bibliografía, obras, exploradores... estaban abraiados. Como era posibel que nunha cabeza humana coube-se e retuve-se toda aquela cantidade de erudición que tiña Ramón Otero. E o mesmo que falaba deso, falaba de filosofía ou falaba de literatura. Durante a oposición falou dos Andes como se os coñecera de toda a vida. A gran ilusión del era, e conseguiu-no nunha das viaxes que fixo a América, ver o Océano Pacífico.
     [...]
     Eu francamente, non podo sereamente, falar da perda dese home. Hai... Ao longo da miña vida, estiven en contacto con el, recebin as suas leicións, o seu afecto, a sua familiaridade... Pero hai algo que a min me chegou moi adentro, e que levo cravado no corazón. E é que Ramón Otero Pedrayo, que tiña tantos discípulos, tantos amiradores, tantos amigos; encargou-me a min que fose o que lle puxera a Bandeira Galega no peito. para min esto, foi algo... como lle diria eu... algo como unha misión que Deus me encomendou nesta vida, "o por-lle a Bandeira Galega no Peito a Ramón Otero".



«Xaquín Lorenzo "Xocas"», Entrevista de Lino Braxe,
en A sombra imensa de Otero Pedrayo (Extra de A Nosa Terra nº 8
),
Maio 1987, Vigo, pp. 5-9.

© 2004 Biblioteca Virtual Galega