O traxe do país


     «Por outra parte, somentes até certo punto lle convén o tal calificativo, xa que se trata do traxe empregado durante un determiñado tempo, recente polo demáis, e que nin se usóu denantes nin despóis. Con tal valor empregamos eiquí o nome de "traxe galego", do que non queda máis sobrevivencia que as bastas e teatrás imitacións que dil se fan.»

«O traxe», en Os oficios, p. 273.




     «Até fai pouco, as mulleres usaban camisa de manga curta, con escote cadrado; polo xeral, era de dúas pezas: a superior ou cós, cinguida, e a aba, longa, con , de lenzo máis ruin. Os bordes das mangas, o escote e o rodo da aba podían levar encaixe.
     Sobor da camisa ía o xustillo cinguido o peito, pechado atrás cunha amarralla pasada polos olleiros feitos nas beiras do xustillo. Sobor dil puñan, ás veces, o corpiño, mais no caso contrario, a camisa tiña as mangas longas, que pechaban onda a man, rematando nun puño de encaixe máis ou menos adornado, e desaparecía o escote pra vir pechala camisa no arrinque do pescozo, adornándose de xeito semellante ós puños.»

«O traxe», en Os oficios, pp. 274-275.




     «O traxe dos homes, desaparecido xa totalmente, era sinxelo, tendo unha chea de variantes asegún os tempos e os lugares.
     En xeral, compúñase dunha camisa de liño con botóns feitos de fío, pespunteada, máis ou menos luxosa consonte a ocasión en que se puña. A camisa era de tira e cos puños abotoados.
     Sobor da camisa, o chileque, de pano roxo, branco ou verde, e coa parte traseira de lenzo, case sempre de estopa.
     A chaqueta, de pano verde, castaño ou azul, moi pouco aberta de solapas, ía case sempre sobor dun hombreiro.
     O calzón é tamén de pano, de cór escura, provisto nalgúns sitios de mandil, peza situada na parte outa da dianteira e que se pode desabotoar por riba cando fai falla.»

«O traxe», en Os oficios, pp. 279-281.




     «Os nenos, namentres son pequenos, embrúllanse en panos e mantas cobríndolles a cabeza con cufetes, xeito de gorriñas feitas de lenzo.
     Logo, ó medraren, comenzan a se vestir coma a xente adulta, especialmente as nenas, que, dende que chegan ós seis ou sete anos, levan a súa saia, manto e pano da cabeza coma as mulleres. Os nenos usan pantalón curto, polos xoenllos ou algo máis abaixo, sendo curioso o emprego de mandil, que eiquí é unha peza pequena de lenzo que vai suxeta á cintura, pola parte traseira, coma se fose unha cortina, e que tapa o que ó pantalón lle falta por detrás; diste xeito, os rapaces non precisan axuda ningunha, bastándolles agacharse e voltar a se erguer.»

«O traxe», en Os Oficios, p. 285.

© 2004 Biblioteca Virtual Galega