Escritos
de combate de Lorenzo Varela |
A figura de
Lorenzo Varela merece especial atención pola súa relevancia cultural
e literaria na preguerra e, sobre todo, pola súa importancia no exilio,
pero tamén polo significativo carácter da súa contribución á
cultura española da guerra civil, labor que desempeñou cun notorio
protagonismo e da que non existía ningunha recompilación.
As principais obras poéticas de Lorenzo Varela
foron reunidas en 1979 cunha nota prologal de Rafael Dieste e cun soneto
encomiástico de José Bergamín (1). Case simultaneamente, Luís Seoane
publicou e prologou unha compilación de trinta e tres poemas soltos
(2). Posteriormente apareceu unha breve escolma poética en opúsculo
non venal, preparado e introducido por Xesús Alonso Montero, quen
ademais seleccionou nel diversos xuízos de estudiosos, amigos ou compañeiros
do escritor en cuestión (3). Tendo en conta, pois, que as tres
edicións citadas foron patrocinadas polo seu leal e constante valedor
Isaac Díaz Pardo, quen impulsou tamén da exposición «Catro pintores
italianos para un poeta» (4), non é de extrañar tampouco que fora o
mesmo editor quen publicase a única biografía de Lorenzo Varela
existente atea a dta, debida a Fernando Salgado (5) e prologado por
Xesús Alonso Montero, permanente promotor do recoñecemento literario e
político do autor en cuestión, mesmo fóra de Galicia (6). Á marxe do
patrocinio de Isaac Díaz Pardo cómpre mencionar aínda unha edición
anotada da súa poesía en galego (7) e algún artigo disperso, como o
dedicado á relación entre Varela e Fole (8), precisamente a pedido de
Xesús Alonso Montero. Por todo isto cremos do máximo interese de quen
ten dado tantas mostras de atención e agarimo a Lorenzo Varela a
compilación aquí dos escritos de combate do autor de Lonxe, ata
agora nunca reunidos e todos eles ausentes dos volumes anteriores (9).
Lorenzo Varela encontrábase en Madrid cando
estalou a contenda, vinculado ás Misiones Pedagógicas, así
como colaborando en El Sol e estudiando Filosofía e Letras.
Distanciado do trotskismo ao que se adherira xa durante a República,
afiliouse ao Partido Comunista de España, participando como voluntario
nos primeiros combates. Serviu como miliciano no tren blindado, loitando
na fronte durante toda a guerra como comisario político.
Xa en 1936 adscribiuse á Alianza de
Intelectuales Antifascitas para la Defensa de la Cultura e
participou nos seus manifestos e campañas. Así, recitou no primeiro
mitin da Alianza (Milicia popular, 30-9-1936) e, logo, asinou a
protesta polo bombardeo de Guernica (El Mono Azul, nº 16,
1-5-1937), a réplica do doutor Lafora (Ahora, 21-7-37), o
manifesto da Alianza de decembro de 1937 (El Mono Azul,
9-12-1937), o compromiso dos intelectuais pola victoria popular en 1938
(La Vanguardia, 1-3-1938) e o relatorio colectivo no II Congreso
Internacional de Escritores Antifascitas de 1937 (Hora de España,
VIII-1937). Polo demais, figura como corresponsable, xunto a María
Teresa León, Rafael Alberti, José Bergamín, Antonio Luna, Vicente
Salas Viu e os tamén galegos Rafael Dieste e Arturo Souto, de El
Mono Azul. Hoja semanal de la Alianza de Intelectuales Antifascistas
para la Defensa de la Cultura dende o seu primeiro número
(3-9-1936).
Obviamente, os seus escritos bélicos, por
suposto sempre editados fóra de Galicia e dirixidos a un destinatario
castelánfalante, tiveron como lingua a española dende a súa temperá
presencia en El Mono Azul e noutras publicacións de orientación
comunista, como mostra o tamén temperán artigo "Aurora y
muerte", publicado en Milicia popular (nº 76, 22-10-1936).
A revista El Mono Azul foi o medio que
acolleu a maior parte da súa producción poética bélica, composta por
romances de loita en sintonía co romanceiro popular que se trataba de
crear naquela época e ao que ese voceiro consagrou toda a sección
"Romancero de la guerra civil". Nela publicou, entre 1936 e
1937, "Las vacas de ávila" (nº 1, 27-8-1936), "La falsa
promesa" (nº 4, 17-9-1936), "Fernando de Rosa" (nº 1,
27-8-1936), "Romance de Lina Odena" (nº 8, 15-10-1936),
"Tengo de cantar cantar" (nº 15, 11-2-1937), "Romance de
Zurbano Ramos" (nº 26, 29-7-1937) e, fóra de dita serie, "La
flor de mayo" (nº 16, 1-5-1937) e "Campo de Aragón (A los
soldados de la 150 Brigada y a su Comisario)" (n1 42, 2-12-1937),
á súa vez composto polos poemas "Marcha" e
"Fiesta". En prosa publicou, tamén entre 1936 e 1937,
"El romancero de la guerra civil" (nº 5, 24-9-1936),
"Cantar en la guerra" (nº 9, 22-10-1936) e "Palabras a
un miliciano anónimo" (nº 10, 29-10-1936), así como o conto
"El fusil" (nº 29, 19-8-1937).
Na primeira prosa citada, "El romancero de
la guerra civil", reflexiona e teoriza sobre o romanceiro bélico
no que traballan poetas coñecidos e anónimos cun común obxectivo
social e político, do que el mesmo participa. Trátase, por tanto, dun
dos máis significativos documentos metadiscursivos sobre o romanceiro
popular republicano e como tal ten sido considera (10).Cómpre
salientar, ademais, que foi o poeta inaugural dese romanceiro, que se
abriu no primeiro número co seu poema "Las vacas de Ávila" e
co seguinte chamamento editorial:
La Sección de Literatura de la Alianza inaugura en este número
el "Romancero de la guerra civil". Se pide a todos los
poetas antifascistas de España, anónimos y conocidos, que nos
envíen inmediatamente su colaboración. |
Pero durante 1937
Lorenzo Varela entrou de cheo na reportaxe bélica no diario Ahora.
Diario de la Juventud, publicado en Madrid como órgano das Juventudes
Socialistas Unificadas. Así o demostran "La vanguardia de la
producción. Un nombre de sacrificio y heroísmo. Toda la fábrica es una
brigada de choque" (nº 64, 12-3-1937), "Desde Guadalajara.
Invasión. España contra el fascismo italiano" (nº 68, 17-3-1937)
ou "De las trincheras a la escuela (Cabos y sargentos de la 45
división)" (nº 205, 21-8-1937). Pero, ademais destes escritos
estrictamente periodísticos, a este medio aportou igualmente o poema
"Primero de mayo" (nº 107, 1-5-1937) e o artigo
"Literatura de guerra" (nº 188, 1-8-1937).
Así mesmo, tamén en 1937 colaborou na revista Hora
de España, concretamente coas prosas "Contra viento y marea. De
la disconformidad a la comodidad, y otras cosas" (nº VI, junio,
1937) e "Bilbao" (nº VII, julio, 1937), e cos poemas
"Palabras en el fuego", "A un joven héroe" e
"Hoy" (todos tamén no último número citado).
Por último, refuxiouse en Francia, de onde se
trasladou a México, iniciando alí un exilio que continuaría en Bos
Aires, lugares os dous últimos nos que deixou ampla constancia do seu
activismo cultural e social.
Os textos da guerra literaria de Lorenzo Varela,
nunca reunidos ata agora e que se exhuman a continuación gracias á
colaboracilón prestada polos investigadores Isabel Gómez Rivas, Pedro
Pablo Hormigos e Natalia Regueiro, son pois un documentos inestimables
para coñecer o compromiso político e literario do escritor galego, pero
tamén para verificar a súa contribución consciente á revolución
cultural que supuxo a creación e promoción do romanceiro da guerra civil
na zona republicana. Prescindindo, por razóns de espacio, das reportaxes,
reproducimos cronoloxicamente, dentro do xénero a que pertencen, os
poemfas, os artigos e o relato legados polo autor de Lonxe durante
a contenda.
(*) A
seguir, o estudo fornece os seguintes textos:
Poemas: "Las vacas de Ávila", "La falsa
promesa", "Fernando de Rosa", "Romance de Lina
Odena", "Tengo de cantar cantar", "La flor de
mayo", "Romance de Zurbano Ramos", "Campo de
Aragón", "Primero de mayo", "Palabras en el
fuego", "A un joven héroe" e "Hoy".
Artigos: "El romancero de la guerra civil", "Cantar
en la guerra", "Aurora y muerte", "Palabras a
un milicano anónimo", "Contra viento y marea",
"Bilbao" e "Literatura de guerra".
Relato: "El fusil"
[A Biblioteca Virtual Galega non dispón de dereitos de edición
dixital sobre a obra de Lorenzo Varela, polo que estes documentos
non son reproducidos en liña] |
NOTAS
1 |
Lorenzo Varela, Poesía, Sada-A
Coruña, Ediciós do Castro, 1979. Contén Torres de amor (1942),
Catro poemas pra catro gravados (1944), Lonxe (1954) e Homenaje
a Picasso (1963). |
2 |
Lorenzo Varela, Homaxes, en edición Cuco-Rei de Luís Seoane,
Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1979. |
3 |
Lorenzo Varela, Dez poemas, Sada-A Coruña, Ediciós do Castro,
1988. Aparecen textos de Luís Seoane, Domingo García-Sabell, Aurora de
Albornoz, Isaac Díaz Pardo, Lidia Besouchet, Rafael Dieste, Manuel
Luieiro Rei, Ánxel Fole, Antonio Sánchez Barbudo, Xosé A. Ponte Fra,
Ramón Piñeiro, Fernando Salgado, Xosé Luís Méndez Ferrín e Francisco
Ayala. |
4 |
A exposición, debida aos pintores lombardos do grupo NO! Luciano
Bianchi, Nando Luraschi, Giancarlo Pozzi e Marcello Simonetta, percorreu
as Galerías Sargadelos en 1998, con motivo do vinte cabodano da morte de
Lorenzo Varela, acompañada do catálogo Catro pintores italianos para
un poeta. |
5 |
Fernando Salgado, Lorenzo Varela: Crónica dunha vida atormentada,
Sada-A Coruña, Ediciós do Castro, 1995. |
6 |
Xesús Alonso Montero, "El poeta gallego Lorenzo Varela retorna
del exilio", Triunfo, Madrid, 10-9-1997, reproducido logo no Faro
de Vigo, 26-11-1978; "El poeta Lorenzo Varela", Triunfo,
Madrid, 1-9-1979, artigo traducido e compilado no libro Escritores:
desterrados, namorados, desacougantes, desacougados..., Sada-A
Coruña, Ediciós do Castro, 1981, e "O noso Lorenzo Varela", Mundo
Obrero, Madrid, 28-12-1979, traballo inserido logo na colectácnea Galicia
no ano 79, A Guarda-Pontevedra, 1979. Outro artigo, poblicado en
Galicia, foi "Lembranza de Lorenzo Varela e do seu duro
infortunio", Faro de Vigo, 11-3-1984. |
7 |
Lorenzo
Varela, Poesía galega, edición de X. Carlos López
Bernárdez, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 1990. |
8 |
Como o de
Gregorio Ferreiro Fente, "Ánxel Fole e Lorenzo Varela:
lembranzas dun tempo de ilusión", Día das Letras Galegas
1997. Ánxel Fole, edición ó coidado de Xesús Alonso
Montero, Departamento de Filoloxía Galega, Universidade de
Santiago de Compostela, 1997. |
9 |
Unicamente
o poema "Hoy" fora incluído, co título de
"Siempre, España" e algunha outra variante, no libro Torres
de amor, compilado no devandito volume de Poesía de
Ediciós do Castro. |
10 |
Véxase Serge Salaün, La
poesía de la guerra de España, Madrid, Castalia, 1985, p. 371,
e Claude Le Bigot, "Una preceptiva sobre ascuas. El discurso
prologal sobre el compromiso en la España de los años
treinta", Mundaiz, nº 39-40, 1990, p. 75 e pp. 80-81. |
Publicado en Cinguidos
por unha arela común. Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero,
Departamento de Filoloxía Galega da Universidade de Santiago, 1999, pp. 1321-1343.
|
|