Curros Enríquez


     Os tempos que vivimos non s'adoitan pra que poidamos dicir en col dos poetas de lingoa galega todo aquelo que compón a sua sustantividad subxetiva. Mais trátase de facer unha gabanza, e a nosa voz humildosa tên a obriga de resoar nestes momentos.
     A semente está no fondo da asoballada veiga, alí posta pol-os precursores do noso rexurdimento, e canto mais tempo durma nela, mellor acadará as forzas xerminadoras, que os bos e xenerosos agardan con debecer areloso.

     Temos que pensar n-aqueles días de tiranía e servidume en que vivía a poboación labradora, precisamente pol-os anos en que s'imprentou a primeira edición de "Aires da miña terra", pra decatarnos do valor e sinificación da obra de Curros. As consecuencias da malfadada guerra carlista, que deixara envenenada a alma dos seus secretos simpatizadores que s'acollían â nova política; a intransixencia relixiosa que quería matar toda manifestación científica e libre, e que, pol-a pluma do padre Cesáreo, bispo d'Ourense, ceibou a pauliña sobre o autor de "Mirando ao chan"; o caciquismo que tiña entón todal-as furias das cousas que se incuban e que saen coas inconscencias das pestes e andacios que por primeira vez fan o esperimento no corpo social; todo atafegaba, entullaba, afundía ao pobo galego, que xa traía recorrido un longo calvario, e que somente Deus sabe as espiñas que no porvir o esperan.
     Era preciso, pois, que unha alma honrada e podente erguera a sua voz, unxida pol-os óleos da divina poesía, con acentos d'universalidade —que Galicia era un pobo afectado pol-os problemas europeos— e ao mesmo tempo vibrando na espiritualidade galega, no seu propio verbo, tanxendo na mesma lira dos trovadores galaicos, que outrora impuxeran á toda a península as nosas arelas civilizadoras.
     Curros Enríquez foi o poeta providencial, o verbo redentor, o ¡ea! que espertou todal-as almas dormentes e fallas d'esperanza acuciadora.
     A mellor e mais verdadeira historia greca, pra estudar a vida interna d'aquel pobo, son as obras teatrás dos tempos groriosos d'Esquilo; nada mellor que os "Prometidos" de Manzoni revelan todo un mundo desconoscido de sufrimentos, de virtudes e de vicios, que acostumaron a facer uso de procedimentos mais humanos á esa Clío que somente iba calza cô coturno, e armada de puñal, como a musa da traxedia; fala mais da Hespaña "Don Quixote" que todal-as historias da'quel tempo, falto de libertade e de crítica centífica para buscar a verdade; e "Aires da miña terra" será o libro eterno, inequescente, que amostrará âs xeneraciós vindeiras, como sofría, como amaba, como sentía as saudades de redención a sagrada e sempre quirida Nai Terra.
     Por eso Curros foi tan popular, por eso os pobos queren erguer moimentos â sua memoria, por eso todol-os nobres corazós, que aman a libertade, que son consecuentes coas leises etnográficas que fixeron a nosa persoalidade, bendicen o seu nome, que xuntamente con Rosalía e Pondal, compreta a trinidade sagra, que decote recibirá a nosa mais agarimosa devoción.
     Ben sabemos que hai algún espíritu enteco que mais d'unha ves quiso restar sona ao nome de Curros. Son xa conoscidos por todos, e coa sua conduta d'agora ben demostra que as suas protestas de libertade eran unha hipocresía. Xa Curros adivinaba a existencia dos desleigados cando dicía:

"Troca en homes de ben estes monstruos,
que nin mesmo que os viran meigallos."

     Curros Enriquez, queiran ou non os desleigados que xesuíticamente queren apouvigar a sua groria, será sempre o noso poeta nacional; que si Pondal fixo renascer o noso etnos céltico coas suas estrofas bárdicas, o autor de "Aires da miña terra" foi o pregron haril e esgrevio que amostrou o camiño do noso porvir e acendeu nas almas o lume pol-a nosa dinficación e libertade.

ASIEUMEDRE.


     A Cruña, 23 Febreiro 1924.



[ "Curros Enriquez", A Nosa Terra, 1-3-1924.]



© 2006 Biblioteca Virtual Galega