Manuel Lugrís Freire


Ramón Otero Pedrayo



     [...]
     Acrecía a súa soedade o mestre do gran corazón, o verba erqueito e o latexo na alma dun rexo sentimento de raza. Cantaban en Lugrís algunhas grandes voces antigas. Maxinaba escoitar no balbordo do mar do outono himnos e trinos irmáns dos resoantes no seu lembrar...
     [...]
     Sempre o coñecín vello. Dun xénero de beleza como o dos carballos decotados en boas lúas. Poucos homes espallaban unha sensación semellante de forza tranquila. Poucos viviron coa sinxeleza e poder de Lugrís os grandes mitos do Occidente e do mar.
     Asociaba o optimismo democrático e o grave e estoico sentir da República co vivir antigo e o ensoar céltigo revelado de xenio único entre nós por Eduardo Pondal.
     Lugrís, bo alumno do chantre dos abrentes, foi da caste atal galega dos Eoas. Ouvíndolle contar as súas impresións do bosque antillano era doado maxinarse o estado de ánimo do home das descubertas, do máis ou menos mortemente afeito aos clásicos.
     Entraba pola floresta mexicana con respecto e saudade. Concibía as illas brancas e azuis como escenarios do amor de Paulos e Virxinia.
     Un romántico do primeiro tempo galego —a mocidade de La Sagra, os primeiros versos de Pastor Díaz— espertado baixo a maestoso do pinar pondaliano e dono do convencemento da esgrevia virtude republicana puidera ser a fórmula —ou os elementos da fórmula— do carácter, do espectro de Lugrís.
     Foi bo poeta, máis grande orador, por riba de todo un carácter, que pola enérxica preguiza dos fortes, por outras causas, nos deixou todo o zume de Poesía que puidera deixar na copa de pedra do horizonte galego.
     [...]



[ En Otero Pedrayo, O libros dos amigos, Vigo, Galaxia, 1997, pp. 165-166. ].



© 2006 Biblioteca Virtual Galega