Camões e Galiza


     Na miña vida coidei ver cousa mais oca que o agasallo que as xentes de Madrí, que se chaman "intelectuales", fixeron á Camoes.
     Xa Luis Bello nas colunas de "El Sol" nos dixo que moitos d'eles nin siquera conoscían o verdadeiro nome do grorioso poema, pois uns dicían Las Lusiadas e outros Las Luisiadas. Non sabían, pois o que siñifica Os Lusiadas, e, dende logo, na sua vida viron unha sô liña do libro.
     Enxergáronse discursos na Biblioteca Nacional, na Universidade, na Sociedad xeográfica, no Museo de pinturas, etc. A calquera chama a tención o desconocimento da figura do poeta, o ambiente literario do seu tempo, e a verdadeira representación que Os Lusiadas teñen na literatura galaico-portuguesa.
     ¿Iñoraban os panexeristas castelans que en Galicia vive o verbo de Camoes, falado ainda por cerca de dous millós d'habitantes? ¿Non lembraban os groriosos poetas galegos Pondal, Curros Enríquez, Añón e outros que n-ese mesmo verbo fixeron inmortal a literatura hispánica de Galicia? ¿Por qué calaron que o mais grande poeta épico dos tempos modernos era descendente d'unha nobre familia galega, que aló pol-o ano de 1370 deixou as terras artábricas da Cruña para servir ao señor don Fernando contra do rei don Enrique de Castela?
     Boa ocasión tiveron, para facer un traballo, que ao mesmo tempo que empoleirase á Portugal, fose un agasallo xustificadísimo para esta nai Galicia, da que Herculano ten dito que foi á que lles donou "povoacao e lingoa", e que entre o Miño e o Mondego non hai quizais unha aldea cuio nome non sexa a repetición de outro xa existente na vella Galetia. Mais non souperon aproveitala. As cousas siguen sendo como eran ainda que aqueles intelectuales baduasen d'aquel xeito, tan disconforme co'a realidade histórica.
     Euxenio de Castro pode decir se o agasallo de Madrí tivo semellanza coa emoción que os galegos demostramos pol-o gran épico lusitan, na ceremonia da nosa Academia.
     Naturalmente: comulgábamos a enxebreza do mesmo verbo nativo.

* * *

     Tamén falou de Camoes un señor chamado Goicoechea, que teño entendido ê un madrileño que foi diputado cuneiro por un distrito de Lugo.
     Pois o tal señor, según os xornaes cruñeses, dixo cousas estupendas. Ou lle faltou a memoria, ou ten enmendada a historia d'España.
     A célebre proclama que lord Wellington dirixeu aos galegos, con motivo da batalla de San Marcial (31 de Agosto de 1813), en que o cuarto exército galego cubreuse de groria, e onde dicía que os españoles "debían imitar a los inimitables gallegos", aplicouna aos portugueses. En verdade, que os nosos irmans d'alen o Miño non percisan de grorias falsas militares, pois teñen moitas verdadeiras. E inda que de tal xeito se falsee a historia, esa batalla será sempre unha gloria de Galicia, que n-aqueles días, despois de liberar os seus fogares, soupo tamén vertel-o seu sangue pol-as libertades dos demais.
     Señor Goicoechea, o xeneral Don Manuel Freire de Andrade non era portugués. Era da mesma Cruña, inda que á vosté non lle pareza ben.

* * *

     As grorias pretéritas non son outra cousa que os pergameos da raza. Eles nos donan azos para cobizar unha esperanza d'engrandecimento no futuro.
     Teodosio, Prisciliano, Viriato o régulo, Xelmírez Feijóo, Sarmiento da Gamboa, Os Nodales, e tantos outros galegos que en todol-os ordes da actividade humana acadaron groria para a terra que os veu nascer, son o testimonio das posibilidades da raza. Nos sabemos que Camoes era noso, que o seu libro ê un monumento da nosa literatura. O bon senso dinos que Colón era Pontevedrés, que non podía ser outra cousa tendo en conta os detalles que cingue no descubrimiento da América!
     ¡Boh! que baduen canto queiran. Leonardo Coimbra xa lles deu nos cotelos. Foi golpe de mestre.

ASIEUMEDRE.




[ "Encol do centenario de Camoes", A Nosa Terra, 1-1-1925.]



© 2006 Biblioteca Virtual Galega