A Cova Céltica


     [...]

     Cando tornei â terra nativa, traía entre a miña equipaxe un tomo de versos, "Soidades", prologado por Curros Enriquez; unha coleición da "Gaita Galega", primeiro xornal da América inteiramente enxergado na nosa fala, e un manuscrito da miña comedia de costumbres "A Costureira da Aldea". A bagaxe aparellaba co' a miña fortuna, que non podía ser mais cativeira. Do que traía eu un verdadeiro capital, era de ilusiós, de cobizas arelosas, de esperanzas tercas e rixas, de propósitos firmes, que enchían a miña alma, sempre acesa no deseo de engrandecimento, dinificación e redención da Nai Terra. Despois de visitar a miña patria, as Mariñas fermosas de Sada, terra mimosa cuberta de doces e misteriosos lubres, de sombrisos soutos, de ridentes e ben doadas searas, que se miran nas espellantes e quedas augas da ría; terra inzada das inesquecentes lembranzas de meus pais e dos primeiros pasos na miña vida; aqueles currunchiños que levara estereotipados no corazón namentras duraron os tristes e longos días do desterro, tornei â Cruña. A falla d' enxebrismo nas xentes, magoábame o corazón e facíame cavilar, tristemente, se eu non era estranxeiro na miña terra, se non m' habían trocado por outros os eidos nativos que de maneira moi diferente eu vira entre soños. Doéndome d' esto, algun amigo faloume da Cova Céltica, aquel "katipunan", como burlonamente lle chamaban os que se dicían partidarios da doutrina de Pi Margall, que non conoscían, non sendo d' ouvidas, o seu libro Las Nacionalidades, que era, e, coido que seguirá sendo por moito tempo, a Biblia dos rexionalistas de bon senso. O nome era agasallante e querendoso pra min, eu ardía en deseios de conoscer a Cova.

     Un poeta, Florencio Vaamonde, á quen Deus conceda longos anos de vida pra ben das nosas letras, foi quen fixo, solenemente, a presentación.

     A Cova Céltica tiña a sua sede na trastenda da libreiría rexional d' Euxenio Carré, na rua Real, onde xerminaba fortemente a arvore da nosa redención, que agora está en fror e que axiña poderemos abranguer os seus froitos. O xa dito Euxenio Carré, o libreiro literato; Manolo Banet, abogado e prosista de xeito crásico; Marcial da Iglesia, o entusiasta e bon escolante da rua da Barreira que insinaba a lingua galega aos neniños da sua escola; Salvador Golpe, o poeta mariñan, elegante e tenro; Urbano Gonzalez Varela, poeta, pintor, alma xenerosa, meu irman querido que non poderei esquecer nunca porque ademais os ceos concedérome o outísimo honor de vivir côs seus n-un mesmo lar; Evaristo Martelo, que vive no corazón de Bergatiños, en Vimianzo, poeta que tên grandes contactos e semellanzas cô bardo d' Anllons; Florencio Vaamonde, crásico con sonoridades camonianas e correicion anacreôntica; Andrés Martínez Salazar, sabio, xeneroso, leonés, conquerido pra a causa nosa por unha santa dona galega, que foi sua compañeira; Manuel Murguía, o mestre dos mestres e... Eduardo Pondal, o bardo grorioso.

     Recibíronme cô amor e doce acollimento que dispensarse pudera a un irman, xa conoscido e ben quirido. Co' eles traballei naqueles días de fera e dura loita, que foron o xénesis dos días d' agora en que xa alborexa o sol da nosa renascenza no Tabor tanto tempo cobizado. Aquela Cova foi a miña universidade libre, a inesquescente e sagra escola en que se puliron e nidiaron os meus conocimentos; en que se afincaron, —en bases firmes e permanentes porque estaban orientadas n-un perfeito conocimento do noso pasado e nas leises que rixen a vida— o meu amor e a miña decisión en favor da patria dos galegos.

     [...]



[ "Eduardo Pondal", Discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos o 20 de novembro de 1923.
Recollido como epílogo en Queixumes dos pinos y poesías inéditas de Eduardo Pondal, A Coruña, 1935. ]



© 2006 Biblioteca Virtual Galega