Eduardo Pondal


     [...]

     Pondal doíase moito de que houbera escritores galegos —aínda os sigue habendo pra mal dos nosos pecados— que, coidando d'aquel xeito eran mais galegos, mais enxebres, bautizaban os seus traballos con nomes prosaicos, disonantes e brutos, que tan alleos son á índole esgrevia, noble e sabiamente ortofónica do idioma.
     [...]
     As vellas theogonías índicas, a filosofía Sankia, e a literatura personificada no Ramayana, eran mantenza ideal pra sua fantasía poderosa. Nos avatares d'aquela civilización inicial mataba a sede das saudades de inmortalidade, que xermolan na mente dos eleitos pol-as Musas.
     Vivía, pois, dentro de unha ensoñacion iluminada; e as cousas máis aparentemente opostas, Vichnú e Ognú, as tradiciós vedas e as sagas nórdicas, despertaban a sede pol-o infinitio, as ansias pol-a divina poesía, as armonías celestiás en que tremaba a sua alma decote ateigada pol-o lume inmorrente dos grandes inspirados.
     [...]
     Pondal, como todol-os grandes homes que tanto influíron cô seu xenio na marcha e progreso da humanidade, chegou un momento en que se creeu cinguido d'unha aureola de gloria, e que o seu estro era verdadeiramente criador, redentor e providencial para os fillos de Brigandsia. Derradeiramente, il, inda que o non decía, creíase o centro do sistema pranetario da nosa literatura e un factor sustantivo do seu dinamismo. Foi, enton, cando saîron da sua arpa as mais subrimes armonías, cando concretou mellor a finalidade obxetiva da sua labor poética. Censurar á Curros era censuralo a él; denominar á Rosalía musa chorona, inclinábao de mal xeito porque sentíase ferido no propio espíritu. E cando se facía unha crítica despectiva das letras galegas, era el o que se sentía censurado e aldraxado. Tiña n-aqueles días a quentura mesiánica, a iluminación bárdica e profética, o sentir vernáculo do verdadeiro bardo, amparado por Theut.
     Todol-os poetas en lingua galega eran seus apósteles, e sô, con fundamento, concedía belixerancia ao autor de "Aires da miña terra". Cando no mes de marzo de 1908 recibimos na Cruña a triste nova de que o gran Curros Enríquez morrera, escribin a Pondal comunicándollo. Dende Ponteceso contestoume seguidamente que era infinita a dôr que tal perda lle causara; que él tiña presentido n-aqueles días "que algun forte e duro carballo fora tronzado no seu lubre celta", e concedume o honor de represental-o nas ceremonias do enterro, que constituiron o acontecemento mais emocionante da miña vida. [...]




[ "Eduardo Pondal", Discurso de ingreso no Seminario de Estudos Galegos o 20 de novembro de 1923.
Recollido como epílogo en Queixumes dos pinos y poesías inéditas de Eduardo Pondal, A Coruña, 1935. ]



© 2006 Biblioteca Virtual Galega