PRÓLOGO

                                                                                                                                                                                             R. Otero Pedrayo

 

     

     NON quixera teimar un prólogo, literario, académico e crítico. Todo no vivir técese de xuicios decrarados ou envolveitos nas ondas do esprito. Mais a Poesia, sí remanecer das outas e gardadas fontes cuio cantigar enche, nin nacendo nin finando istes poemas, céibase dos xogos ópticos do enxiciar, pola misma sinxeleza do seu decorrer apenas rexistrado. E por iso millor cinguido ás arelanzas nosas, as pousas do esprito. Sin comén nin remate o libro siñifica un intre ou un vivir.

     Teño pensado si cada poema ou ensaio de poema quer fortecer e gardar en palabras un ar, un ritmo fuxidio, de lonxe chegado pra pasar, pra dar volta ou non. Nús sopros, aves espidas, tremando morrer si as palabras non as visten e amparan... Nados no íntemo de cada lírica xente eles, sin tempo alentan no tempo e son sua millor eispresión. As veces sofren. Non teñen man lixeira os poetas, non son axeitadas as palabras. E os ares dóense nas follateiras e nas grandas do esprito. ¿Cántas veces a mociña no monte, o camiñante no vieiro, o estudoso sentindo as pingadelas da auga do íntemo vivir nas cobas dos libros, sinte pasar solermiños, arelantes os ares ventureiros!...

     Sin eles as língoas serían rexistros de cousas, inormes moimentos, e non agardaría a palabra homilde ser algunha vez raiña e a nada no dourado berce das letras disfroitar do xentil alento das pastoriñas do armentío.

     Foi María Mariño Carou boa e entranabre alumna dos ares da sua ribeira noiesa. Flor de fariña dos rodicios do mar suas areas, xustillo sedán de mociña de moito porqué suas terras, un doce rendimento da rexa montana ás gracias e mimos da mariña suas formas dondas e gravemente armoñosas, como feitas de encadeados ecos...

 

     Despoixa-xa vai pra moitas agromadas-rubiu ó Caurel... Semella seu rubir unha anabasis da primaveira ou no propio esprito a pelerinaxe ás fontes. Todos os homes téimano algunha vez comprir. I é comprida en moitos. Na eisprencia de María Mariño Carou siñifica millor a volta á pátrea e ó fogar. ¿Non será cada verdadeira poesía un nostos, unha volta?... E niste vieiro de pensamento chegaremos cecais si somos bos e calados leentes á revelación de unha intimidade impresioante do ego da escritora cas cousas, de un desvelamento e senso tráxico do ser e do tempo na serra.

 

                                                                                                                     >>. .......................... ...

                                                                                                                     Hoxe,

                                                                                                                     onte do meu contento!>>

 

                                                                                                   

 

     Un grimo diante o futuro, unha vivencia de saudades de alén collen fondura de Letheos, espellos de enxergares de afogados, os recordos onde os serans

 

 

                                                                                                                    >>ollan con luz d'aurora>>

 

as badeladas, os tres pontes de Noia... Por riba dos arcos dos días vai cara o morrer a arelanza. Pro a intelixencia non perdeo o seu gosto especulativo e xurde na sinxela poesía a pregunta, unha das preguntas eixes de Metafísica: ¿e despóis?

 

     Pode ser o mesmo moi de muller de sinxelo degoirar e de poeta o senso do tempo dende logo tráxico, como o enteirarse dun esquema pra cada un, ou cecais pro mundo. En troques-iste contraste quer decir pra nós unha táboa pra pasar o riacho-a serra, O Caurel decraran unha ceibeza, unha liberación do tempo. Como nises invernos de neboeira inzada nos vales e raioso locir nos outos. Non prantexa María Mariño, a do doce nome tinxido de solpores de adeuses en froumas de navíos, ningunha premisa. Pro alenta, deixando ás costas un raxado mundo canso e valeiro, no máis achegado a nudeza do ser nas aparencias, do sotilizarse dos velos de Maya. O Caurel agardaba por unha nova profesión no silencio, na agarda, na valencia de cada intre de luar, do albre mucho, do sol, no durmir do pan enmedado nos eirados... 

     Sagrifiza María Mariño nas aras poéticas de Novoneyra, primeiro mestre das soedades e da sombra e valor do home no seu camiñar. Enchémonos dun xeito de relixioso respeto diante a maneira grave de tratar as palabras, os leentes criados no regosto sensitivo das palabras e das ideas. Eiquí as palabras ordéanse cheas e madurecidas, froitos de fondas esperencias. Polo esprito da escritora, pola fría tona da montana, decorren as arelanzas compañeiras do esprito dende o mencer deica o adeus. Ela sabe achegarse a elas e engaiolalas. Non han de ser de moitos entendidas. Precísase un noviciado de soedade e de silencio. Ten de ficar moi lonxe a vaidade do artista literario, o gostar do libro novo na librería, a percura de un vento de serán en horto recendente... María Mariño pensou, cecais, si co seu exempro e palabras poidera guiar leentes e ouvintes cara as cumes de Caurel que levamos dentro, a meirande forza e xustificación diante do derradeiro silencio.

     Por elo, e escribo como agradecido á nova posibilidade ofrecida pra voltare a un vieiro salvador do esprito. Os poemas-ou o soio poema, ou todos eles os segmentos de un máis lumioso zodíaco de silencios-decorren todos asegún un ritmo antigo e xentil, da escola métrica dos regueiros nados na neve, do latexar das torgueiras antigas no lume, do devenire dos cansos camiños que sempre levan a un fito do cal si cecais voltare e sempre con medo e ademiración dos homes...

 

     Soio, si algunha valencia podía ter, pido o leente non pasar lixeiramente como choutando pedras usadas sobre as augas xiadas, ceibes, de cume de iste libro de María Mariño Carou que, pra exempraridade de algús, po-lo menos rubindo ós outos do Caurel atinxe as rexiós onde o esprito pode ser merecente do seu berce e axuda a afuxentar as composiciós da Galicia pintoresca, turística e optimista e a soerguer a verdadeira terra soia orgolosa, si tenra doce como a morte, si fremosa soio de beleza mesurada pola peneira beiladora da door.

 

               Trasalba, 21 de Marzal de 1960.

 

 

 

[Prólogo de Otero Pedrayo en Palabra no tempo]

 

 

 

 

 

 

 

 

 



© 2007 Biblioteca Virtual Galega