5

CANLE SEGREDO

 

 

    Este título que leva o breviario poético de Xosé María Álvarez Blázquez, resulta dobremente simbólico. Se queremos, triplemente. Pois, como nome de pía do libriño xa simboliza o espírito da lírica que contén. O volume divídese en tres partes, e a primeira conpartilla o seu título co volume. Alén desto, «Canle segredo» é tamén o título do primeiro poema desa primeira parte. A poesía, para o autor, é canle segredo do río do sentir. O sentimento encáuzase na forma poética, e así as augas salvaxes achan quenlle acougado. Mais ese quenlle, que ordena en acompasada música o balbordo da vida, está sombreado polos salgueiros do misterio. O misterio que nos cingue. que cingue ao home que canta e á muller a quen o canto dirixe. Que cingue o amor que vai e que ven antre os dous. Mais tamén que nos cingue a todos, a todos os que vivimos. a vida é misteriosa. A poesía que sexa canle da vida, canle do amor, terá e ser un canle segredo. Hai unha profunda nota de saudosismo, de romantismo, na poesía de Canle segredo. Avincállase así coa poesía dos máis relevantes poetas vixentes na nosa poesía de inmediata preguerra. Un sentimento de sacralidade da vida que atopamos nos poetas do Seminario, transfigurado en luminosa sonoridade en Bouza Brey, orquestrado de acordo con clásicos módulos de tersa arquitectura en Aquilino Iglesia.

    Endebén, se non queremos ver no nome dun libro o símbolo do libro, porque admitamos unha lesicalización automática en cada caso, temos aínda —se xa non tres— dúas instancias simbólicas a que remitirnos no presente caso.

    Refírenos o autor que este monllo de poemas foi premiado en 1953 cun premio do Centro Galego de Buenos Aires. Só agora, en 1976, ve a luz. Tempo dabondo para que nacera e se fixera un poeta, un novo poeta. Así que esta poesía, fluinte ou encorada, mantívose vintetrés anos soterraña, latexando ou sereándose nun canle segredo. O título do libro simboliza a vida do libro desde que se formóu na entraña da roca ata que alumeóu no serodio manantío.
    Afinal, o símbolo pode designar o destino mesmo da poesía galega durante os longos anos da posguerra. Se ben o ollamos, botaremos de ver que a poesía galega foi máis clandestina que paladina, vivíu máis na matriz da musa que aos peitos da musa. Houbo un silencio inicial. O galego semellaba fala, xa non herética, senón mesmo infiel, para os que empoleirados no poder, definían a ortodosia lingüística. Non era cristiano, segundo tropo aínda non borrado de algunhas bocas, o idioma en que o Rei Sabio cantóu á nai de Cristo. Os poetas galegos que sobreviviron, escribiron versos que non publicaban. Mais derrotados no campo de batalla mundial o espírito totalitario, non foi posíbel manter aferrollada a literatura a un monopolio lingüístico, e a poesía galega volvéu a imprimirse. Secomasí, houbo de ser unha poesía de contido esteticista, saudosista ou esistencialista ata o momento en que se toleróu en verso a protesta política, máis ou menos caracterizada de protesta social. Como a poesía social aspiróu axiña a asumir a representación total da poesía galega, e tivo ésito nese propósito, e como, por outra parte, pronto estivo dito todo o que sobre esa temática cabía decir con algún decoro formal, esgotada a poesía cívica a medida que a permisividade a facía irrelevante, e silenciada toda outra temática pola crecente politización da vida literaria, chegamos a un momento en que ninguén lía poesía, e, por conseguinte, ninguén a escribía, ou, cando menos, ninguén a publicaba. Unha poesía galega ceibe, é decir, variegada na súa temática, non tabuada por prexuicios ideolóxicos, vivíu, se vivíu, nunha nova clandestinidade, en agarda de que as circunstancias permitiran a súa manifestación. Así, a poesía galega transcurría por un canle segredo, e o título do libro de Xosé María Álvarez Blázquez é tamén neste aspecto simbólico.

    ¿Estamos no intre en que a poesía retorne a vivir como tal poesía, sin condicionamentos temáticos que a reduzan a mero estormento polémico? A publicación deste libro, de temática liberal, ¿anuncia o fin da poesía monopolizada pola coxuntura política? Entón, o título simbolizaría tamén, por moi lonxe que da intención do autor estivera tal propósito, a situación de menesterosidade por que durante un longo tempo atravesara a nosa poesía a consecuencia das hipotecas históricas que a mantiveron prácticamente nunha situación soterraña. ¿Estaremos no punto en que vai alumear ese canle segredo?

    Certo é que a poesía, se non ha ser pura ferramenta utilitaria, ha romper toda cadea de limitación temática. O que ocurre –conforme á grande tradición desde Rosalía a Cabanillas– neste Canle segredo. Na parte terceira do volume, «As mágoas», todo é poesía social, mais non socioloxía poética; se o amor á muller e as evocacións da infancia perdida consomen os dous tercios restantes do breviario.

    Imos ver se os tempos están maduros para que ao galego retorne a lírica, unha lírica total —e non totalitaria— de acordo coa historia; e para que o camiño desa lírica sexa de novo río de luz, non xa canle segredo.

 

 

1976

 

[En Libros e autores galegos. Século XX]



© 2008 Biblioteca Virtual Galega