1949-1990: A OBRA

 

     A palabra impresa de Ramón Piñeiro discorre de xeito continuado ao longo de catro décadas que veñen coincidir cronoloxicamente co devir socio-político-cultural da segunda metade do século XX ou mesmo xorde supeditada aos sucesivos aconteceres, na medida en que as tarefas asumidas como alentador e promotor de iniciativas e proxectos innovadores redundaron moitas veces no sacrificio de elaboración da propia obra individual en beneficio dun proxecto cultural máis ambicioso desde unha perspectiva colectiva.

     A maioría da súa publicación escrita está espallada en ducias de achegas publicadas en forma de artigo xornalístico, reseñas, limiares, colaboracións máis ou menos extensas, en diferentes medios de prensa galega, española e americana da época.65

     A primeira colaboración impresa da que se ten noticia na posguerra é un artigo titulado "a poesía de Luis Pimentel", o seu admirado poeta, asinado baixo o pesudónimo Luis Veiga do Campo, que foi publicado o 12 de setembro de 1949 non Suplemento del Sábado do xornal santiagués La Noche.

     Na actualiade, polemos ler o groso de artigos publicados en xornais ou revistas nun volume colectivo preparado polo propio autor intitulado Olladas no futuro, editado en 1974, e onde, ao longo de 47 traballos de tipoloxía e extension diferente, redixidos entre 1949 e 1973, achegámonos á perspectiva reflexiva do autor ao redor de temáticas variábeis, desde a emigración galega até a lembranza de figuras claves no pensamento galego como Antón Vilar Ponte, Castelao, Otero Pedrayo ou Vicente Risco; desde a recuperación e reinterpretación de modelos clásicos literarios propios como Rosalía de Castro até a posta en valor de novos creadores da altura como Daniel Cortezón ou Luís Seoane; desde o percorrido polas claves da identidade galega até a análise recorrente da temática que ocupa un maior número de páxinas: a lingua.

     Especial atención ten merecido a cuestión da lingua galega, a cuxo estudo histórico-filolóxico, diagnóstico do presnete e propostas de futuro ten dedicado importantes esforzos de oratoria e escrita.

     Neste volume, Olladas no futuro, recóllense algúns escritos do autor que nos permiten alcanzar a ver a transcendencia da súa preocupación ao redor da lingua galega. Velaquí algunhas afirmacións que sutentan o seu pensamento:

1. O galego, como lingua propia concibida como gran creación cultural cultural colectiva, confírelle ao pobo galego categoría como tal, con expresión singular.

2. O idioma galego énos entregado en herdo común dos nosos antepasados e é depositario dun valioso legado cultural propio, que polo tanto nos identifica dentro da familia románica, transmitido de xeración en xeración.

3. A lingua galega é un patrimonio que une a todos os galegos por riba de distancias e diferenzas; é un patrimonio que pertence a todos por igual.

4. O uso habitual da lingua galega exercido pola masa social maioritaria non noso país que reside no ámbito rural ou aldeán adquire un valor de estigma negativo socio-lingüístico superior, a facer de menos, sen a necesaria base real e empírica, aquela persoa que vive na aldea e ademais fala galego.

5. O galego está na orixe da realidade lingüístico-cultural luso-brasileira, o que, en consecuencia, leva a determinar o marco cultural galego-luso-brasileiro.

6. O menosprezo social da lingua exercido durante moito tempo desde a burguesía urbana callou nos galegofalantes asumindo estes para si un signo de atraso, ignorancia e brutalidade, obviando que a verdadeira relación de desequilibrio é de natureza económico-social e non idiomática.

7. A lingua galega desenvolveu dun xeito rico a expresión oral colectiva xeración tras xeración condensando un potente cancioneiro, copioso refraneiro e potente narrativa.

8. A lingua galega consolidou, asemade, o plao da cultura escrita co que se iniciou a transcrición dun pensamento propio.

9. O futuro do galego, unha vez recuperados usos formais e escritos, pasa por se instalar como lingua de comunicación na cidade, nos estamentos máis urbanos en continuo crecemento a partir do abandono progresivo do medio rural.

10. Os novos horizontes lingüísticos, as searas novas, para explorar desde a madurez conseguida pola lingua galega, residirían necesariamente nestes ámbitos:

        a. Un pensamento filosófico rigoroso, estimulado pola fasquía espiritual da nosa época e favorecido polo labor dos nosos ensaístas.

        b. Un pensamento teolóxico, estimulado pola gran renovación teolóxica do nos tempo e favorecido pola sensibilización da conciencia relixiosa galega.

        c. Un pensamento sociolóxico, esixido agudamente polo noso tempo.

        d. Un pensamento económico (no senso de dar unha explicación dos nosos problemas e de fundamentar a planificación racional da súa solución).

        e. Un pensamento xurídico, intérprete da intensa e complexa vida xurídica de Galicia. 66 [...]

 

 

 

 

 

________________

65 Para un achegamento á globalidade que representa a súa escrita, cómpre aproximarse á sintexe bibliográfica recollida nos Cadernos Ramón Piñeiro, III, que establece unha séxtupla tipoloxía textual: libros, epistolarios, colaboracións en libros de autoría colectiva, prólogos/limiares/edicións, traducións e colaboracións en revistas e xornais.
66 Piñeiro, Ramón (2007): Olladas no futuro, op. cit.: 257-258.

 

[En Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política, Edicións Laiovento, 2009]



© 2009 Biblioteca Virtual Galega