Interesábanos, máis que nada, sinalar a posibilidade dun desenvolvemento filosófico que reflicta a modalidade espiritual galego-portuguesa. Para fundamentar tal posibilidade precisabamos comprobar dous feitos:

     Que hai verdadeiramente diversidade de interpretacións da filosofía.

     Que ademais da posibilidade xeral dunha diversidade de interpretacións filosóficas hai a posibilidade concreta dunha interpretación galego-portuguesa.

     En canto á diversidade de interpretacións, abóndanos co testemuño da propia Historia da Filosofía para comprobalo e abondaríanos para comprendelo con reparar no que a filosofía significa para a existencia humana. O home é un ser que necesita comprenderse a si mesmo para realizar o seu destino con plenitude, mais non pode comprenderse a si mesmo sen filosofía. O feito de comprenderse a si mesmo, ou sinxelamente de se querer comprender, supón xa unha actitude filosófica. Esta necesidade do ser humano ten un valor de universalidade, polo que a necesidade dunha base filosófica é igualmente universal na natureza humana. Agora ben, a personalidade espiritual non é idéntica en tódolos os homes. Por esta razón tampouco será idéntica a maneira de sentir ou de interpretar esa esencial necesidade filosófica, que cada un sentirá ou interpretará segundo a súa peculiar configuración espiritual. E esta peculiaridade maniféstase tanto nos individuos coma nas comunidades.

     En canto á posibilidade concreta dunha interpretación galego-portuguesa, abóndanos coa comprobación da existencia dunha peculiaridade espiritual xenuína, que consiste, como xa vimos, no predominio da dimensión sentimental. E hoxe en día non se lle podería negar ó sentimento, como noutrora, validez para servir de base á esculca filosófica, pois a propia evolución do pensamento europeo veu a situar no ser do home o fundamento da filosofía e o seu punto de arrinque nunha vivencia sentimental. E como a nosa vivencia sentimental radical é a Saudade, de aí debemos de arrincar nas nosas esculcas. Os gregos desenvolveron un tipo de filosofía intelectualista; os alemáns desenvolveron un tipo de filosofía o resorte espiritual do cal foi a vontade; nós os galego-portugueses estamos en condicións incomparables para desenvolver unha filosofía baseada no sentimento. Os gregos procuraron máis ben concibir o Cosmos (porque é o obxecto que capta o intelecto) e nel situar ó home coma un ser particular; os alemáns procuraron concibir o Absoluto (que é o fin a que tende a vontade) como unha especie de Vontade absoluta; nós procuraremos concibir a Soidade, que é a situación ontolóxica orixinal do ser humano, tal como a percibimos no sentimento que chamamos saudade. [...]                                                                                       

    
      

[En Filosofía da saudade]



© 2009 Biblioteca Virtual Galega