3

É

                                                                                                                                                                                                     Xulio Calviño

 

 

    

     "Hoxe o noso pensamento ten por tarefa pensa-lo pensado polos gregos de xeito aínda máis grego" (M. Heidegger. De camiño cara a fala, 1959).    

     Novoneyra é un contemporáneo de Tales de Milteto: sofre do mal de afasia no seu abrainte descubrimento da mentireira mentira das cousas.

     É un riguroso contemporáneo de Anaximandro: acepta a noción do non perceptible, dun ápeiron (que para o courelao non é nin eterno nin inmortal) que non diferencia entre substancia e atributo.

     É un contemporáneo de Pitágoras de Samos; para escándalo de Aristóteles, tamén el confunde as causas formal e material.

     É un contemporáneo de Heráclito, anque do cenobio dos heresiarcas; fai da identidade dos contrarios a panacea contra a Dor agachado detrás do logos poboado polos petroglifos do lume.

     É un contemporáneo sen reservas de Parménides de Elea: promulga o dogma da identidade, mais desconfiando da aporía de "O que é, é".

     É contemporáneo de Empédocles pola súa consideración da linguaxe do devir como algoritmo rimante, acróstico, da Letra.

     É un contemporáneo de Anaxágoras; tamén el lle aplica con candorosa acrimonia á materia física do universo os argumentos que Zenón de Elea empregara coas magnitudes matemáticas.

     Poráneo, ai, de Gorgias de Leontini na súa consideración da poesía como un gnomon que ten metro e ovos para inquirir. "¿E envellecerei, Diótima, se libero a Grecia'" (F. Hölderlin. Hiperión, 1797-1799).

 

 

     Se da iconosfera helénica fose necesario elexir unha imaxe exemplar que servise de elenco para ilustra-lo Libro do elexíaco courelao, esta sería sen dúbida a amentada por Pausanias na súa Descrición de Grecia, V, 18. 1, que é unha toponimia espiritual da Galicia precristiana: "Hai alí unha figura dunha muller sostendo no seu brazo dereito un neno branco durmido, e no seu brazo esquerdo ten un neno negro igual ó que está durmido. Cada un deles ten os seus pés mirando cara direccións distintas. As inscricións declaran, como un mesmo pode xa inferir sen inscricións, que as figuras son a Morte e o Soño, xunto coa Noite, que é a ama de cría de ambos".

 

 "¡Noite anoada!"

    

 

    

 

 

 

 

 

[En Uxío Novoneyra e os motivos de circe]



© 2010 Biblioteca Virtual Galega