UXIO NOVONEYRA

                                                                                                                                                                                             Francisco Rodríguez Sánchez

 

     

     Foi primeiro un nome na distáncia, enigmático e ambivalente. Apareceu-se-me despois como unha evidéncia chamativa do home e da poesia asentados na terra, e da ollada comprensiva sobre o noso mundo, o mundo inteiro de todos. Finalmente, comprobei a solidez de quen comparte con respeito e agarimo o esforzo por termos como povo, outro destino.
    
     Resulta difícil achar no chamado mundo intelectual a alguén tan ponderado nos xuízos e tan expresivo nas suas solidariedades. Lonxe das bandeirias sectarias, pero afincadísimo na consciéncia de defendere aos perseguidos, aos que sofren, ás vítimas das inxustizas, mantivo sempre unha actitude baril e ergueita como a sua figura.

 

     Esta intencionalidade de comprensión omnímoda, que non rexeita o xuízo duro e contundente se for necesário, é a mesma que o identifica co seu, co noso país, a Galiza. Uxio Novoneyra é un poeta de sentimento e cosmovisión tan patrióticas, como de sereo e fraterno internacionalismo. Precisamente, esta dificil simbiose práctica para os homes da sua xeneración, reloce no home e no poeta e na sua traxectória humana, ideolóxica e literaria.

         
     Viver nun país no que con naturalidade devalan persoas como Uxio, é a proba de que nengunha mancadura colectiva, nengunha opresión secular, nengunha deformación social esperpéntica, é quen de rematar coa esperanza.

 

 

[En A Nosa Terra, nº 907, 1999]

 



© 2010 Biblioteca Virtual Galega