Carta a Uxio Novoneyra

                                                                                                                                                                                             María Pilar García Negro

 

     

     Benquerido Uxio: ¡Tantas veces que teño falado, e tan gostosamente, contigo, e esta vén ser a primeira carta que che escrebo! Así que me vas permitir que che confidéncie algun recordo meu que teño moi vivo e no que ti tes todo a ver...
    
     Á altura de 1975-1976, eu só coñecia de nome, e pola leitura d'Os Eidos, como tantas outras veces, "vin" o Courel en ti, na tua ollada, na tus soedade, nos teus versos... antes do que na realidade física. Coñecín e paseei polas tuas terras queridas despois de ter lido e de mergullar-me no idioma do país que, daquela, eu queria facer meu de pleno direito. Se a memória non me engana, no Dia da Pátria de 1976, o xornal de maior tiraxe do país, publica, en primeira plana, un poema teu, moi breve, que eu levei comigo na carteira moitos anos: Galiza é a nosa pátria, Galiza debe ser soberana e dona de si: imposíbel, decerto, dicer máis en menos espazo... Con estes versos, ti entroncabas cunha curiosa tradición da literatura de noso, a que buscou sempre un "vós" receptor que, espallando-se no galego escrito, se encontrase a si próprlo, nesa anagnórise que ainda non acabou...

 

     A outra lembranza é xa posterior: vexo-te nunha reunión da asemblea da Asociación de Escritores en Língua Galega, en San Domingos de Bonaval... Ante comentários pexorativos de alguén sobre a literatura "ruralista", sobre o carro de vacas e demais "atrasos", ti -voz grave, pausada, con tanta serenidade como firmeza- sentenciaches: "si, pero iso tamén existe". ¡Vaia se existe! Non como residuo, como ghetto sentimental; si como realidade ben viva, ben material, socialmente merecente do seu mantimento, da sua sobrevivéncia económica! (o "carro" xa o actualizou todo o mundo: o problema é practicaren a exclusión absoluta coa Galiza: nen carro, nen vacas, nen leite, nen pesca, nen indústria: o caso é existirmos ou non...)

    

     E isto todo ten a ver con nós mesmos, co noso presente e co noso futuro, porque, efectivamente, como ti moi ben escrebeches, "hastra os que calan din GALICIA"...

 

     Que saibas que te acompañamos. Que saibas que ti nos acompañas e nos fortaleces. "De tanto calar xa falo eu solo": poucos versos haberá tan estremecentes, tan exactos e tan definitórios do esforzo colectivo do povo galego, que te fixo e que tanto che debe.


     Uxio, disimula-me estas pobres mostras de cariño que che mando. Si é grande e rica a miña admiración e o meu recoñecemento en ti e por ti, que che envio coa miña aperta mais forte, desde a "nosa" muralla de Lugo aos "teus" cumes do Courel.

 

 

[En A Nosa Terra, nº 907, 1999]

 



© 2010 Biblioteca Virtual Galega