Residimos tanto na lingua como na terra...

                                                                                                                                                                                             María Pilar García Negro

 

     

     As leitoras e os leitores desta publicación repararán en que nos lembramos nas páxinas deste amplo número de senllos aniversarios de dous escritores imprescindíbeis da nosa literatura contemporánea. Recordamos, con efeito, o cincuenta aniversario do falecemento de Ramón Cabanillas, que finou en 1959, e mais o trixésimo da morte de Eduardo Blanco Amor, así como o cincuentenario da publicación da grande novela A esmorga, tamén de 1959. Francisco Fernández Rei e Manuel Rei Romeu ilústrannos sobre o primeiro, así como Francisco Rodríguez e Diego Pardo Amado o fan sobre o segundo.
 

     Mais unha outra personalidade fundamental da nosa literatura e historia contemporánea reclama a nosa atención. Para alén de ter sido escollido pola Real Academia Galega figura epónima do Día das Letras Galegas de 2010, en Terra e Tempo pensabamos lembrar o décimo aniversario do seu falecemento, que ocorreu en Outubro de 2009, e aínda os oitenta anos do seu nacemento, no 19 de Xaneiro de 1930. Para esta recordación contamos coa excelente síntese biobibliográfica de Xosé Lois García e coa colaboración impagábel de Elba Rei, viúva de Uxío e súa compañeira leal, que nos permitiu utilizar textos inéditos de Novoneyra dun grandísimo valor. Son, en nome técnico, paratextos, isto é, discursos na súa calidade de Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, intervencións en actos cívico-patrióticos, definicións do papel do escritor... E, sempre, absolutamente sempre, a lingua, como eixo irrenunciábel. Nestes tempos de ataques inmisericordes contra ela, contra a lingua de noso, botamos en falta a súa voz firme, clara e insubornábel, que non dubidaría en definir como merecen gobernantes que se avergoñan do que lles dá sentido e lles dá de comer e perpetran atentados destrutores contra o maior signo identificador de que dispomos como pobo. Alimentámonos, porén, coa súa herdanza escrita, de que desfrutamos hoxe grazas á xenerosidade e entrega patriótica de Elba e de seus fillos Branca, Uxío e Arturo. Obrigados, desde esta publicación, a todos eles!


     Respeitamos escrupulosamente a textualidade exacta dos escritos de Novoneyra, con todas as súas peculiaridades e estilo inconfundíbel. Os leitores de hoxe teñen direito a coñecelo tal e como el se produciu, sen nengún flash back falsificador.


     Neste presente, en fin, máis que nunca, diremos con el: Residimos tanto na lingua como na terra. Farémolo valer...

 

 

[En Terra e Tempo, 149-153, 2009]

 



© 2010 Biblioteca Virtual Galega