vb2antoncortizas.html
Aló
polo ano 1954, cando as follas das árbores caían no chan, eu
caín tamén de non sei onde, e afortunadamente había unha cama
debaixo. Debo ser moi nugallán porque dende aquela estou a nacer
e aínda non acabei de facelo. A verdade é que che non vos teño
moita presa.
De cativo dediqueime a brincar,
xogar, argallar e facer os deberes, que non foi pouco.
De adolescente déuseme por
namoriscar, por escribir cousas que ninguén me obrigaba e por
vestirme de Atlántico, vestimenta que uso dende entón. E
comecei a amar o meu país. A miña cultura galaica e a miña
lingua untáronme todo coma se fosen un can cósmico (tal vez o
can de Orión) que me lambese a alma cariñosamente. Tamén me
comezaron a laiar as cousas todas e din en esgarabexar poesías
como analxésicos.
Cando crin ser grande ocorréuseme
converterme en rei, e dende aquela teño unha raíña e tres
fillas que vos xuro que son para min como tres princesas de conto
ben que por veces non o pareza.
De adulto quixen cambiar o mundo,
pero decateime de que non podía porque non se deixa. Entón
púxenme a inventar historias, pero só de cando en vez, porque
como iso non é o único que podo nin gusto de facer, moitas
delas quedan esquecidas nos faiados da memoria.
¿E de vello? Gustaría de seguir
nacendo ata converterme nun trasno amábel e contemplar o mundo
sorrindo dende o silencio da Lúa.
|