vb2antonioreigosa2.html
Nacín en Zoñán,
Mondoñedo, o 15 de agosto de 1958. Alí, sendo neno, tratei cos mouros do
castro veciño, aprendín a coñecer os encantos que sementaban a néboa no
curuto da Pena da Roca e, anque nunca o conseguín, intentei moitas veces botar
a rolos polo mundo abaixo unha grande rocha que se mantén en extraño
equilibrio chamada Pena Morcán. Destas e doutras experiencias da miña infancia
venme, creo eu, a miña querencia pola fantasía popular.
Traballo no Departamento de Didáctica do Museo
Provincial de Lugo desde 1982. Son escritor, conferenciante, investigador da
mitoloxía e da literatura oral galega, colaboro con traballos de divulgación
relacionados coa historia, a arte, a etnografía, a mitoloxía popular e a
literatura oral en diversos medios de comunicación e revistas especializadas.
Son cofundador de "Chaira", Grupo de
Investigación Etnográfica (Lugo 1992), do que tamén forman parte Ofelia
Carnero, Mercedes Salvador e Xoán R. Cuba, xuntos levamos adiante varias
campañas de recollida en distintos concellos da provincia de Lugo. Ponente en
numerosas xornadas e congresos, participo en campañas de promoción da lectura
nos centros de ensino, bibliotecas e asociacións culturais.
Creador e coordinador de contidos da Enciclopedia
Virtual da Fantasía popular de Galicia denominada Galicia
Encantada.
Coordinador da revista oral de periodicidade trimestral
O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo desde 2004. Das
obras que se relacionan no apartado correspondente, unha boa parte escribinas en
colaboración con Xoán
Ramiro Cuba e con Xosé
Miranda.
Recibín, entre outros, os seguintes premios: Certame
Nacional de Artes e Tradicións populares do Ministerio de Cultura (1987), o
Facho (1989), o Premio Merlín, (1998 ), Premio Supernova (1999), Premio Raíña
Lupa,(2000), Lucense do Ano (2002), Premio Frei Martín Sarmiento (2005); e fun
finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil o ano 1999 con
"Memorias dun raposo", e do Premio Pura e Dora Vázquez de Creación
Literaria o ano 2004 con "Pesadelos".
|