Anxo A. Rei Ballesteros

(1952 - 2008)

 

 
Obras
Autobiografía
 
vb1areiballesteros.html

     Nado en Codeso, Boqueixón o 24 de xaneiro de 1952. Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, a miña primeira novela apareceu en 1977 co título Dos anxos e dos mortos, editada en Vigo por Castrelos e que foi logo reeditada en 1991, con algunhas correccións, na mesma cidade pola editorial Galaxia. Ese mesmo ano o conto "Querido Brais" foi premiado no concurso do Pedrón de Ouro e editado no volume colectivo correspondente a 1977, aínda que coñecerá unha 2ª edición corrixida en 1993, nun folleto editado polo Concello da Pobra do Caramiñal, lugar onde resido, na parroquia de Santa Cruz, no lugar da Granxa, dende hai xa bastantes anos.
     En 1987 o grupo de teatro Malbarate fixo a estrea da miña peza teatral Xogos de damas, estrea que se produciu na Aula de Cultura da Caixa de Aforros de Galicia, en Santiago de Compostela, o 22 de abril, interpretada por Rosa Álvarez, Mabel Rivera e Marisa Soto. A peza foi editada ó ano seguinte por Edicións Xerais de Galicia. Non foi esta a miña única relación co teatro, pois fixen tamén a versión de A voz humana de Jean Cocteau en 1991, que foi estreada baixo a miña dirección, pero que permanece aínda inédita.
     En 1992 apareceu a miña novela Loaira, editada en Vigo por Galaxia e que acadou o Premio Losada Diéguez. Xa en 1998 saiu do prelo o meu libro de relatos A sombra dos teus soños, na mesma editorial que as miñas novelas.
     Moi preocupado pola filosofía, teño publicado algún ensaio como "A outra memoria" que apareceu na revista Grial en 1989. Agora estou a traballar nun ensaio sobre o Hamlet de Shakespeare e o problema do tempo.
     Fóra disto teño publicado algúns ensaios sobre arte en catálogos como os dedicados ó pintor Antonio Mir, así como algúns artigos xornalísticos (máis ben poucos). Á miña prehistoria xuvenil pertence a colaboración na revista Bonaval que cita Fernández del Riego no seu Diccionario de escritores en lingua galega.
     Aínda que pouco amigo de actos públicos, teño pronunciado algunhas conferencias e charlas sobre a miña obra, sempre por compromisos con asociacións culturais ou con institucións comprometidas coa promoción da literatura galega.

[Febreiro, 2002]

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega