mb2cotarelovalledor.html
Armando
Cotarelo Valledor viu a luz nos últimos días de 1879 na Veiga
do Eo, no occidente asturiano de fala galega.
Tras cursar os estudos de Filosofía e Letras, en 1904
doutorouse en Madrid cunha tese sobre a nosa literatura medieval
e gañou a cátedra de Literatura Española na Universidade de
Compostela, institución en que ocupou os cargos de vicerrector e
decano. Coñecedor desde moi novo da actividade académica,
Cotarelo chegou a Compostela nun momento de renovación en que el
propio interveu activamente. Así, ditou cursos de literatura
galega, modernizou os vellos programas e
prolongou as aulas conversando cos seus alumnos en demorados
paseos. Ademais, durante estes anos promoveu diferentes empresas
culturais (Exposición Rexional de 1909, Exposición de Arte de
1926), deu conferencias por todo o país e creou e dirixiu a
revista Ultreya (1919-1920). Completamente integrado
no movemento galeguista, tomou parte activa no ambiente
restaurador das Irmandades da Fala e en 1923 os mozos fundadores
do Seminario de Estudos Galegos convidárono a ser o seu primeiro
presidente, ofrecemento que Cotarelo aceptou.
A Real Academia Galega nomeouno
membro numerario en 1920, mais o catedrático non chegou a tomar
posesión do cargo. Nove anos máis tarde a Academia Española
convidouno como representante das letras galegas e, en 1942,
faría o propio a Real Academia da Historia.
Finalizado o conflito bélico (en
que o autor se posicionou coa dereita sublevada), instalouse
definitivamente en Madrid como catedrático de Lingua e
Literatura Galaico-Portuguesa; nesta cidade morrerá en 1950.
A grande aportación de Cotarelo
Valledor ás nosas letras radica no teatro. Neste campo, a súa
produción, continuadora da liña realista da altura, engloba o
drama rural (Trebón, Lubicán), o de ambiente
mariñeiro (Beiramar, Mourenza), a comedia
sentimental (Sinxebra) e a traxedia histórica (Hostia).
Con excepción desta última e de Mourenza (levada ás
táboas por primeira vez en Madrid no ano 1932), todas foron
estreadas en Compostela polo Cadro Dramático da Universidade
baixo a dirección do propio Cotarelo.
Para alén da súa obra dramática,
o grande erudito e filólogo "de entre dous séculos"
escribiu unha novela bilingüe (El pazo, 1923), realizou
traballos de investigación sobre a literatura galego-portuguesa
medieval e fixo incursións na literatura popular, das que
nacerían Contos de Nadal colleitos do pobo (1927) e Cancioneiro
da agulla enxergado con doas do pobo (1931).
|