vb2carlosloureiro.html
Carlos Loureiro
Rodríguez nace en Callobre (A Estrada-Pontevedra) no ano 1957. É Licenciado en
Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela. No curso
1981-82 comezará a impartir clases de Lingua e Literatura Galega no
"Colexio Estudio" da Caeira (Pontevedra) até que en Decembro do ano
1982 pasará ao Instituto de Bacharelato Sánchez Cantón (Pontevedra). No ano
1983 aproba as aposicións de Agregado de Lingua e Literatura Galega, índose
destinado ao IES "Manuel García Barros" da Estrada, onde continúa a
desempeñar o seu labor docente.
O seu labor docente sempre irá de par do seu labor a
prol do deporte nos máis cativos, en concreto colaborando co clube da súa
parroquia de nacemento que, a pesar de ser representativo dunha parroquia das
moitas que compoñen o Axuntamento da Estrada, sempre se distinguiu polo seu
labor a prol do fútbol base.
Con todo, xamais esqueceu o seu traballo de colaborador
con todo movemento cultural estradense que se distinguise por traballar a prol
da nosa cultura e traballando arreo para dar a coñecer ao insigne galeguista
estradense, Manuel
García Barros "Ken Keirades", autor de moitísima obra literaria
pero que seguía a permanecer no case máis completo anonimado. Este labor
comezou no ano 1990 no que se encargou da edición da novela Aventuras de
Alberte Quiñoi (en colaboración co profesor Xesús Oreiro Pensado). No ano
1999 encargouse da edición da obra Contiños da Terra, no ano 2000 de Enredos,
no ano 2001 de Dos meus recordos e finalmente no ano 2002 da obra teatral
Carta da Habana, todas elas de
Manuel García Barros. Tamén foi
encargado da edición das seguintes pezas teatrais: de Varela
Buxán, O cego de Fornelos (2004), Triste Chegada (2005),
Meu pai (2006) e A xustiza dun muiñeiro (2009) así
como da obra de Antón
Losada Diéguez A Domeadora (2003). A nivel individual é autor de
dous extensos ensaios en col das dúas actividades presentes no seu devalar: a
nivel deportivo publicou a obra Callobre C.F. Dos alicerces a 2002
(2003), onde se narra a historia deste clube
parroquial dende os seus comezos alá polos primeiros anos do 1940 até o 2002.
Obra onde así mesmo se narra o percorrer dun clube (neste caso o Callobre C.F.)
dende os comezos en confrontación coa actualidade, co fútbol da actualidade.
Datos e actividades, anécdotas... conforman este libro. A nivel de literatura
publicou o Dicionario de escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004),
onde se nos dá a biografía, obra e unha escolma de máis de setenta autores de
Tabeirós-Terra de Montes, dende a Idade Media até a actualidade. Tamén é coautor
da obra A Estrada. Imaxes para a lembranza I (en conxunto con Olimpio
Arca Caldas,
Xoán Carlos Garrido Couceiro e
Xosé Luna Sanmartín) (2006). Como tradutor son súas as traducións Na
Estrada da vida de Antón Losada Diéguez (2006) e As falsas confidencias
de Marivaux (2007).
Ademais foi coordinador das seguintes obras: Poesía contemporánea.
Tabeirós-Terra de Montes (2005), Narrativa contemporánea. Tabeirós-Terra
de Montes (2005), un poemario solidario bilingüe galego-árabe titulado
Dairas (2011), unha obra de relatos titulada Pedigree (2013) e das
actas dun congreso sobre a vida, obra e pensamento de García Barros celebrado no
ano 1992 titulado Encontros para un estudo. Manuel García Barros: unha vida,
unha obra, un pensamento (2013).
"Socio de honor" da "Sociedad Hijos del Ayuntamiento de A Estrada" en Cuba, ano
2010, así como medalla de "Amigo da Solaina" concedida polo padroado da
Fundación Casa Museo "A Solaina de Piloño" (Vila de Cruces), ano 2010.
Recibiu o "XXIII Premio Sanmartiño de Normalización Lingüística" no ano 2013 no
apartado "A Estrada e comarca de Terra de Montes" pola Asociación Cultural O
Brado.
Dende o ano 2003 até o 2011 é compoñente da editorial estradense
Edicións Fervenza, editorial que centra os seus obxectivos en espallar a nosa
cultura galega e sacar dos baúis moita obra esquecida.
|