Concha Blanco


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2conchablanco.html

     No Concello de Cee hai unha aldea que se chama Lires. En Lires está a ria máis pequena de Galicia, que coa marea baixa desaparece; é unha ría con maxia. Antes da ría hai un cruceiro e preto do cruceiro está a miña casa onde nacín o 19 de xuño de 1950.
     Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. D. Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas.
     Quérovos contar que a miña primeira anécdota xa ocorreu aquel día ó pé do leito naquela casa de Lires. Este doutor, amigo da familia, suxeriulles ós meus que me puxesen por nome Blanca, en vez de Concha. Blanca Blanco Blanco.
     — ¡¡Non!! —aseguraron os meus proxenitores por unanimidade.
     Ata os dez anos vivín neste fermoso lugar.
     Fun á escola pública na que compartía pupitre con meu curmán, e aula con tódolos nenos e nenas da aldea, grandes e pequenos. No pupitre, que se me facía un chisco grande, sempre tiña as pernas colgando. Aquí foi onde me fixen amiga dos libros, ata namorarme deles. El gato con botas foi o primeiro exemplar de contos de meu, agasallo de dona Amparo, unha das miñas primeiras profesoras que coñecía ben a afección que eu tiña pola lectura.
     Logo fun a Ferrol cursa-lo bacharelato no Instituto Concepción Arenal.
     Desta cidade teño gravadas fondas pegadas e trouxen comigo a amizade de Cheli, de Pili...
     A carreira de Maxisterio curseina en Santiago de Compostela, cidade da que só dici-lo seu nome me comprace.
     Logo residín en diferentes lugares da provincia da Coruña, por mor das escolas a onde fun destinada: Nemiña (Muxía), O Ézaro (Dumbría), Brens (Cee), Dumbría. E agora aquí estou de novo en Cee, impartindo clases de Lingua Galega e Literatura ós alumnos e alumnas de 1° ciclo da ESO.
     Amais de ler e escribir gústame:
     Desordenar e ordenar. Escoita-la radio desde a cama. Ter encontros cos nenos e nenas. Falar por teléfono. Observa-Ia natureza. Comer tortilla de patacas ou croquetas de Ana Villar. Ver programas de entrevistas. Imaxinar por dentro as persoas. Escribir dentro do coche. Deitarme e erguerme tarde. Pasear pola praia da Langosteira, á beira do mar.
     Pero sobre todo o que máis me gusta é SOÑAR.
     Literariamente amais dos títulos publicados podería salientar que fun accésit Lazarillo (1997), Premio Lecturas (2002), Finalista Barco de Vapor (1988) e Finalista tres veces (máis que salientar aquí caberia dicir "lamentar", 1996, 1999, 2003) no Premio Merlín e un bo posto entre os finalistas nunha ocasión no Premio Edebé.

[Xullo, 2003]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega