vb2darioxohancabana.html
Nacín
en Roás (Terra Cha de Lugo) o 19 de abril de 1952. Son fillo de
labradores pobres. A xente máis vella da miña familia, tanto da
paterna coma da materna, pertenceu á Frente Popular, e eu
crieime e procuro vivir dentro do ideal comunista, que era o de
meu pai; desde o 1968 milito, mellor ou peor, na esquerda
nacionalista que pretende unha república independente e
socialista pra Galicia.
Cursei o Bacharelato en Lugo; en
1970 marchei pra Vigo, onde vivín cinco anos, traballando con
Xosé María Álvarez Blázquez nas Edicións Castrelos. Xosé
María foi pra min a Universidade, e creo que non saín perdendo
no cambio. Con el aprendín a amar, entre outras moitas cousas, a
poesía galega medieval e a historia vella e nova do meu país.
Os outros meus grandes mestres foron e son Manuel María e
Méndez Ferrín.
En 1974 casei cunha rapaza de Bueu,
vila mariñeira da Ría de Pontevedra. Temos unha filla de 27
anos e un fillo de 21.
En 1975 volvín pra Lugo, onde
botei catro anos traballando como vendedor de libros a domicilio.
En 1978 fun liberado pola Central sindical nacionalista, e nela
traballei deica 1982. En 1983 tiven que marchar pra Corcubión
(Costa da Morte, Coruña), onde botei cerca de catro anos como
garda municipal. Despois, tendo opositado outra vez con éxito,
volvín pra Lugo como funcionario deste concello, nun posto
diferente (dentro da escala operaria). Teño colaborado bastante
en prensa, e desde 1987 fago diariamente un crucigrama galego pra
LA VOZ DE GALICIA. Vivo na parroquia de Romeán, a dez
quilómetros de Lugo.
Durante moitos anos publiquei case
exclusivamente poesía. A partir de 1984 adiqueime intensamente
á tradución de poetas italianos traducións en verso que
respectan rigorosamente a métrica e a rima dos orixinais. Pola
de A Divina Comedia fun galardoado co Premio Otero
Pedrayo en Galicia; e o Concello de Florencia outorgoume a súa
Medalla de Ouro, considerando a miña tradución como «la più
pregevole della dantesca Commedia finora disponibile in area
galego-portoghese-brasiliana». A tradución da Vida nova
recibiu o premio Ramón Cabanillas. Aínda inédita está unha Antoloxía
do Dolce Stil Novo, formada e traducida hai xa bastantes
anos. Ocasionalmente teño traducido tamén poemas franceses e
cataláns, e recentemente publiquei unha versión de Os Tres
Mosqueteiros, que se a memoria non me engana foi a primeira
novela que lin, aló cando tiña nove anos.
A partir de 1989 publiquei
principalmente narrativa, con certo éxito de crítica, e
principalmente de público; a novela Galván en Saor vai
na duodécima edición, con máis de 40.000 exemplares vendidos.
Sen embargo, o favor do público parece terme abandonado coas
dúas últimas novelas, O cervo na torre e Morte de
rei, que ó meu parecer son as mellores.
|