Dolores Vilavedra


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2doloresvilavedra.html

     Nacín en Vigo, e supoño que iso imprime carácter. Comecei os estudos de Filoloxía Galega nesa cidade, onde fun alumna de Xesús Alonso Montero, quen deixou fonda pegada en min. Vinme a Santiago xa decidida a traballar sobre a obra de Neira Vilas, o que foi tema da miña tese de licenciatura, e a centrar as miñas investigacións na literatura galega, polo que me inscribín no doutoramento do Programa de Filoloxía Galega. No curso 1988-89 fixen en París un DEA na "Écoles des Hautes Études en Sciences Sociales" do CNRS, grazas a que obtiven unha das 10 bolsas que Unión-Fenosa convocara polo seu 75º Aniversario: para min foi, intelectual e vitalmente, un ano excepcional.
     De volta na terra, empecei a traballar na tese, cunha bolsa no Dpto. de Filoloxía Galega da USC. Defendina en 1993 e pretendía ser un estudo novidoso do xénero que sempre máis me interesou, a narrativa, concretamente da "Variabilidade diacrónica dos emisores inmanentes. A polifonía na novela galega". Dende aquela e ata hoxe, que son profesora titular, fun desenvolvendo iso que adoito se considera unha carreira académica convencional.
     Dende sempre, interesoume moito a crítica literaria: a miña primeira reseña publiqueina en "Grial", na época que a dirixía Carlos Casares (outra persoa determinante na miña vida) e deu pé a unha interesante polémica co autor reseñado, Xavier Alcalá, con quen malia iso (ou quizais por iso) manteño unha excelente relación. Dende entón sigo vencellada á revista, e hoxe formo parte do Consello de Redacción, encargada 'oficialmente' do que antes xa me ocupaba 'oficiosamente': a sección de crítica literaria. En 1990 coñecín a Xoán González-Millán: amigo, cómplice, mestre. Con el embarqueime na aventura do "Anuario de estudos literarios galegos", que Carlos apadriñou entusiasticamente e que hoxe, na nova etapa da Editorial Galaxia, ocupa un espazo propio. Sen Xoán, pero por sorte con outros compañeiros ae compañeiras de viaxe que fan que esta andaina sexa diferente e especial.
     Debería falar da coordenación do "Diccionario da literatura galega" en 4 tomos que publicou Galaxia, pero vénceme unha certa preguiza. Todo o que tiña que dicir sobre a cuestión está nos prólogos, que escribín devagar e que conteñen reflexións sobre os obxectivos do proxecto e sobre os estudos literarios galegos que aínda hoxe suscribo. Pero ben me decato de que pouca xente os le: en todo caso, a eles vos remito. A min hoxe, superado o ruxe-ruxe do primerio impacto, compráceme (e dame un pouco a risa) ver que a xente o usa, o cita? e o plaxia profusamente.
     A crítica nos medios? iso é a vertixe da inmediatez e da popularidade. Que a xente te escoite ou te lea, e que decida (xa me ten sucedido) mercar un libro galego polo que ti opinaches del?   iso é moito. Esa vertixe téñoa semanalmente co "Diario cultural" da Radio Galega, onde colaboro dende hai anos co orgullo de contribuír modestamente a facer que hoxe sexa o programa máis sintonizado en Galicia na súa banda horaria.
     Da miña traxectoria investigadora xa falan as miñas publicacións. Adiqueime durante un tempo de xeito bastante intenso ó teatro galego actual, un pouco polo privilexiado coñecemento do medio que me daban as miñas circunstancias personais, e outra por abrir un camiño necesario polo que se foron adentrando voces novas que fan que hoxe me sinta un pouco liberada do meu compromiso con ese mundo, que xa visito máis esporadicamente. Pero coido que si conseguimos algo: se aquelo do que se fala existe, hoxe o teatro galego existe no mundo académico porque hai xente que fala del.
     Só quero engadir que a investigación literaria permíteme encher as miñas inquedanzas creativas, inquedanzas que, de cando en vez, se encarreiran tamén pola vía da traducción. Agradézolle a Manuel Rivas, Suso de Toro, Lobo Antunes e Amélie Nothomb a confianza de poñeren as súas palabras nas miñas mans, e a ocasión que me dan para vampirizalos e alimentarme da súa creatividade.

[Xuño 2005]
 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega