vb2doloresvilavedra.html
Nacín en Vigo, e
supoño que iso imprime carácter. Comecei os estudos de Filoloxía Galega nesa
cidade, onde fun alumna de Xesús Alonso Montero, quen deixou fonda pegada en
min. Vinme a Santiago xa decidida a traballar sobre a obra de Neira Vilas, o que
foi tema da miña tese de licenciatura, e a centrar as miñas investigacións na
literatura galega, polo que me inscribín no doutoramento do Programa de
Filoloxía Galega. No curso 1988-89 fixen en París un DEA na "Écoles des
Hautes Études en Sciences Sociales" do CNRS, grazas a que obtiven unha das
10 bolsas que Unión-Fenosa convocara polo seu 75º Aniversario: para min foi,
intelectual e vitalmente, un ano excepcional.
De volta na terra, empecei a traballar na tese, cunha
bolsa no Dpto. de Filoloxía Galega da USC. Defendina en 1993 e pretendía ser
un estudo novidoso do xénero que sempre máis me interesou, a narrativa,
concretamente da "Variabilidade diacrónica dos emisores inmanentes. A
polifonía na novela galega". Dende aquela e ata hoxe, que son profesora
titular, fun desenvolvendo iso que adoito se considera unha carreira académica
convencional.
Dende sempre, interesoume moito a crítica literaria: a
miña primeira reseña publiqueina en "Grial", na época que a
dirixía Carlos Casares (outra persoa determinante na miña vida) e deu pé a
unha interesante polémica co autor reseñado, Xavier Alcalá, con quen malia
iso (ou quizais por iso) manteño unha excelente relación. Dende entón sigo
vencellada á revista, e hoxe formo parte do Consello de Redacción, encargada
'oficialmente' do que antes xa me ocupaba 'oficiosamente': a sección de
crítica literaria. En 1990 coñecín a Xoán González-Millán: amigo,
cómplice, mestre. Con el embarqueime na aventura do "Anuario de estudos
literarios galegos", que Carlos apadriñou entusiasticamente e que hoxe, na
nova etapa da Editorial Galaxia, ocupa un espazo propio. Sen Xoán, pero por
sorte con outros compañeiros ae compañeiras de viaxe que fan que esta andaina
sexa diferente e especial.
Debería falar da coordenación do "Diccionario da
literatura galega" en 4 tomos que publicou Galaxia, pero vénceme unha
certa preguiza. Todo o que tiña que dicir sobre a cuestión está nos
prólogos, que escribín devagar e que conteñen reflexións sobre os obxectivos
do proxecto e sobre os estudos literarios galegos que aínda hoxe suscribo. Pero
ben me decato de que pouca xente os le: en todo caso, a eles vos remito. A min
hoxe, superado o ruxe-ruxe do primerio impacto, compráceme (e dame un pouco a
risa) ver que a xente o usa, o cita? e o plaxia profusamente.
A crítica nos medios? iso é a vertixe da inmediatez
e da popularidade. Que a xente te escoite ou te lea, e que decida (xa me ten
sucedido) mercar un libro galego polo que ti opinaches del? iso é
moito. Esa vertixe téñoa semanalmente co "Diario cultural" da Radio
Galega, onde colaboro dende hai anos co orgullo de contribuír modestamente a
facer que hoxe sexa o programa máis sintonizado en Galicia na súa banda
horaria.
Da miña traxectoria investigadora xa falan as miñas
publicacións. Adiqueime durante un tempo de xeito bastante intenso ó teatro
galego actual, un pouco polo privilexiado coñecemento do medio que me daban as
miñas circunstancias personais, e outra por abrir un camiño necesario polo que
se foron adentrando voces novas que fan que hoxe me sinta un pouco liberada do
meu compromiso con ese mundo, que xa visito máis esporadicamente. Pero coido
que si conseguimos algo: se aquelo do que se fala existe, hoxe o teatro galego
existe no mundo académico porque hai xente que fala del.
Só quero engadir que a investigación literaria
permíteme encher as miñas inquedanzas creativas, inquedanzas que, de cando en
vez, se encarreiran tamén pola vía da traducción. Agradézolle a Manuel
Rivas, Suso de Toro, Lobo Antunes e Amélie Nothomb a confianza de poñeren as
súas palabras nas miñas mans, e a ocasión que me dan para vampirizalos e
alimentarme da súa creatividade.
|