Emma Couceiro


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vf1emmacouceiro.html

Xeografía persoal e —ás veces— poética

     Son chairega de nacemento (Cospeito,1977) , pero apenas vivín alí dezaseis meses. Repartín os anos da miña vida entre Laracha, Arteixo, Oza dos Ríos (de onde procede toda a miña familia materna e parte da paterna) e finalmente A Coruña (unha cidade na que nunca quixen vivir).
     En Laracha tiñamos un cuarto para xogar onde non podiamos xogar porque era excesivamente húmido para os nenos; tamén confundín a deus cunha forma estraña que había enriba dun monte (o último que se vía na liña do horizonte dende o xardín da casa), nunca mentía nen facía trampas nese lugar. Despois contáronme que deus vía a través das paredes e lía tamén os meus pensamentos. Alicia, a miña irmán maior, enfermou moito de repente, tivéronme toda unha tarde asexando tras os cristais da porta de entrada a chegada do médico, que estaba moi ocupado aquel día. Eu levaba un vestido de punto azul, recordoo todo perfectamente. Porque me cambiaron de cuarto —antes durmía con Alicia— e a primeira mañá que espertei nese cuarto só se me ocurriu pensar : Hoxe nacín . Unha parvada, pero dende ese día recordoo todo perfectamente, como se até aquel momento non acabase de nacer. Alí inventei unha memoria estraña, implacable e innecesaria. Alí fun por primeira vez a que agarda. Alí naceu Lucía e, anos despois, Humidosas.
     En Arteixo aprendín a ler. Tamén pasei un día enteiro nun teatro, vendo os ensaios dunha representación á que non asistín. Así que entrei no grupo de teatro do colexo e botamos todo o ano ensaiando unha obra que nunca se representou. Ás veces cada verso é un ensaio máis ( unha escena rival / onde sigo os diálogos metodicamente ). Alí , con oito anos, recitei por primeira vez en público, foi co gallo do día das letras, o poema era Nocturnio, de Curros Enríquez. O sapo e máis o vello, eran dous . En Arteixo naceu Mariña. Gustábame que chorase porque me gustaba facela calar. Un día papá apareceu na casa cun corvo que atopara ferido na canteira. Vivía connosco. Estaba na fiestra todo o día e de vez en cando saía a dar unha volta. Pero nunca aprendeu a voar ben. Aos veciños non lles gustaba que vivísemos cun corvo. Un día pousou no patio do colexo e os nenos non souberon xogar con el. Alomenos, esa foi a historia que nos contaron.
     Así cheguei a esa aldea cercada polas murallas dun pazo, e case ao pé do mirador empezamos a reconstruir a casa. As historias arañámolas literalmente da terra, porque en todos os anos que vivín nesa casa nunca deixaron de aparecer toda clase de obxectos na antiga eira, nos xardíns, nas leiras. Cada vez que movías a terra aparecía algo. E con todas esas cousas viñan as historias que a madriña cría recordar. As historias en minúscula, as que morren, familias vencidas nos pasos convalecentes destas mariñas. Contaba tamén que polos lugares da casa antigamente pasaba un camiño. Por iso as pedras e pedras que sempre aparecen se escarbas un pouco, e tamén tanto obxecto sen historia. O Tránsito. Un lugar para marchar. A Madriña morreu nunha primavera adiantada. Ensinoume a ler o pulso das estacións, a néboa invisible que entala o paso e roe nos ósos. O último inverno que botei nesa casa non parou de chover. Semellaba que todas as miñas leiras se converteran no pantano que anos atrás inventara para As entrañas horas. Cando escampou ordenei todas as notas que damea, graniza ou desdita foran deixando e regresei ao texto. Rematei un terceiro poemario inédito, e crucei o pantano.
     Agora, entre o chan e a miña man dereita, xusto na cima do parque, aprendo a limpar as palabras e a perder a memoria. E sigo gastando esta nena dende Cospeito, Laracha, Arteixo ou Sta. Cruz de Mondoi. E este lío de inventadas que sempre me asisten [ E Yolanda e Alba, que recollen a luz do lixo e lle pintan versos de Alejandra para iluminar o meu cuarto. E Lualdao que nos canta. E Estíbaliz que nos trae xelados. E Susana que nos fai zume de laranxa cando se esgotan as voces. E Alicia, e Lucía, e Mariña ]


E o pulso das estacións
nos meus dedos absoltos
(que
vai mediado o inverno, apenas chove este ano, no mes que entra
cumpro os vintecinco )



* A foto é de Yolanda Castaño.

[Xaneiro-2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega