Viqueira
Johán Vicente Viqueira López-Cortón naceu en Madrid en
1886
no seo dunha familia liberal e culta de orixes
betanceiras, mais axiña foi transladado á Galiza, primeiro á
Coruña e máis tarde á quinta familiar de San Fiz de Vixoi
(Bergondo), onde moraría até os doce anos en contacto coa nosa lingua.
Tras un tempo no Colexio Secundarista de Betanzos, en 1898
dislocouse a Madrid para estudar na Institución Libre de
Enseñanza. O paso pola ILE deixou en Viqueira unha importante pegada que
determinaría a súa traxectoria posterior.
Con quince anos viaxou a París
cidade á que terá que voltar
en varias ocasións, circunstancia que aproveitará para asistir
a cursos da Sorbona en procura de diagnóstico e curación dunha
doenza ósea que nunca superaría e lle provocaría a morte antes
de cumplir os cuarenta e oito anos. Nos constantes períodos de
repouso aos que se viu forzado Viqueira aproveitou para obter o título de
bacharel, estudar música e ler sen descanso.
En 1911 licenciouse en Filosofía pola Universidade de Madrid
e viaxou a Alemaña cunha bolsa da Xunta de Ampliación de Estudos
da Institución, asistindo a seminarios de Psicoloxía e
Pedagoxía en diferentes universidades. Co
inicio da I Guerra, sendo xa doutor en Filosofía, decidiu
completar a súa formación en Inglaterra, onde só ficaría uns
meses.
De novo en Madrid,
impartiu aulas na ILE e en 1917 gañou a
cátedra de Filosofía no Instituto de Compostela. Regresou así
á Galiza, onde xa gañara sona polas súas publicacións á
volta de temas pedagóxicos e psicolóxicos, entrando en
contacto coa Irmandade da Fala compostelá. Ese
mesmo ano descubriu a cultura de alén Miño na súa viaxe de vodas (nacendo un interese por Portugal que o
levaría a manter
estreitos lazos con destacados intelectuais do país veciño) e conseguiu unha permuta para A Coruña. Nesta cidade
incorporouse
á Irmandade local e iniciou a súa colaboración en A Nosa
Terra publicando artigos sobre teoría nacionalista,
educación (propón a galeguización do ensino e a incorporación
plena da muller), a necesaria normalización da lingua e a
reforma ortográfica (decantándose pola grafía histórica).
Tamén apareceu na revista Nós un ensaio da súa autoría ("Pensamentos para unha universidade galega"),
máis dous en A Aurora do Lima, de Viana do Castelo,
así como doce poemas e varias traduccións na revista Ronsel,
de Lugo.
A pesar das constantes recaídas na súa doenza
que o
levaron
ao pazo familiar de Vixoi, Viqueira mantivo nesta altura unha
intensísima actividade intelectual: ministra aulas, publica
investigacións sobre as súas especialidades, realiza
traducións para o español de Hume e Vorländer, toma parte en
mitins nacionalistas e dá palestras sobre educación. Asimesmo,
promove xunto con Antón Villar Ponte un proxecto de
publicacións que será o alicerce da futura Editorial Lar
(1924), difunde a literatura portuguesa na Galiza e fornece as
que serán as bases programáticas da I Asemblea Nacionalista de
Lugo en materia educativa.
En 1924, pouco antes da súa prematura morte, Viqueira
foi nomeado correspondente polo Instituto Histórico do Miño. Seis
anos máis tarde, os seus amigos darían ao prelo Ensayos y
poesía, en que se recollían textos até entón inéditos.
A obra sería acrecentada na reedición feita por Galaxia
cincuenta anos despois do seu pasamento: Ensaios e poesía
(1974). Tamén nese ano publicou a Real Academia Galega Escolma
de traballos, mostra das súas renovadoras ideas.
|