mb2lorenzovarela.html
Xesús Lorenzo Varela Vázquez naceu en 1916 a bordo dun barco á
entrada da baía da Habana. Fillo de emigrantes orixinarios de
Monterroso (Lugo), en 1920 transladouse coa súa familia a Bos
Aires, mais a finais desde mesmo ano regresarían á Galiza,
instalándose en Lugo. Alí fixo o Bacharelato e nun acto do
Partido Galeguista celebrado nesa cidade en 1932 coñeceu a
Castelao e Suárez Picallo. Ao seu abeiro ingresou nas fileiras
do nacionalismo, partillando militancia nas Mocidades Galeguistas
con Fernández del
Riego, Celso Emilio
Ferreiro, Carvalho Calero
e Ramón
Piñeiro, nun momento en que radicalizan o seu
posicionamento e se declaran "arredistas". Nestes anos
coñeceu a Ánxel Fole, con quen mantería unha profunda amizade.
En 1935 Varela dislócase a
Madrid, onde se incorpora ás Misións Pedagóxicas e ao equipo
de redacción de PAN (Poetas, Andantes e Navegantes),
revista en que publicaban Rafael
Dieste, Antonio Baltar e Otero
Espasandín. Na tertulia do café "La Granja del Henar"
coñeceu, ademais, a artistas mozos como Granell, Laxeiro, Maside
ou Colmeiro.
No momento do alzamento militar, Varela, integrado na "Alianza de Intelectuais Antifascistas
para a Defensa da Cultura", enrolouse como miliciano e
afiliouse ao Partido Comunista. Durante a guerra percorreu os
diferentes frentes alentando coas súas publicacións
xornalísticas o espírito revolucionario dos combatentes. En
1937 tomou parte no Segundo Congreso Internacional de
Intelectuais Antifascitas celebrado en Valencia. Finalizado o
conflito armado, atravesou os Pirineos e ficou durante uns meses
no campo de refuxiados de Saint Cyprien. En maio de 1939
conseguiu embarcar para México, onde recuperaría o seu labor
xornalístico. Dous anos despois, reencontrouse co seu pai en Bos
Aires, cidade en que o agardaban intelectuais amigos como Luís
Seoane, Rafael Dieste ou Arturo Cuadrado. Na capital arxentina
recuperou a actividade política e exerceu como crítico de arte
e tradutor do portugués.
O golpe de Estado do xeneral
Videla en 1976 forzou a Varela a un segundo exilio. Ameazado
polas organizacións paramilitares de ultradereita, saiu
precipitadamente do país pola fronteira brasileira e desde alí
regresou a Madrid. O apoio de Isaac Díaz Pardo e
Ramón de
Valenzuela resultoulle fundamental para iniciar esta nova etapa,
chea de isolamento e dificultades. Refuxiado na Galería
Sargadelos, dedicouse ás traducións e frecuentou a tertulia do
café "Gijón".
So e sen ningún tipo de
recoñecemento, Lorenzo Varela morreu en Madrid o 25 de novembro
de 1978. O seu corpo foi soterrado no cemiterio familiar de
Monterroso.
Para alén da súa produción
poética e xornalística en español, a aportación ás nosas
letras de Varela concretouse en Catro poemas pra catro
grabados (1944), con ilustración de Luís Seoane, e o
poemario sobre a guerra civil e o exilio Lonxe (1954).
|