Manoel Riveiro Loureiro

(1933 - 2009)

 

 
Obras
Autobiografía
 
vb1riveiroloureiro.html

     Manoel Riveiro Loureiro (A Coruña, 1933) é un escritor vocacional, tal vez compulsivo, anque serodio, que só empezou a publicar tralo seu regreso dunha longa e non pouco azarosa emigración, na que se emborcou en moi distintas actividades. Admirador teimudo e confeso da noutrora formidable URSS, ten traducido ó castelán e ó galego diversas obras clásicas da literatura rusa, tanto de autores do século XIX coma de outros, aquí a penas coñecidos, da época soviética.
     Ós tres anos de idade, no verán do 36, perde ó seu pai. "Non morreu, que o mataron. Non morreu, que o mataron..." Así dicía en voz baixa a súa nai, cando ficaba estantía, procurando o cativo, asustado, falarlle a berros para arrincala de tal estado. A familia afonda na máis absoluta miseria. Ós dez anos deixa a escola, a Grande Obra do inefable Don Baltasar, no Campo da Leña, para integrarse de cheo no mundo laboral. O seu primeiro salario era de dúas pesetas, como neno de recados dun taller de costura. Metido despois nun traballo sucio (axudante do repartidor de "La Coruñesa. Carbonería Doméstica") chegou a dobra-lo seu salario: catro pesetas diarias.
     Xa medrado, acada o seu soño de embarcar en pesqueiros, primeiro do día e despois do Gran Sol. Fai a mili (Cartagena, logo Ferrol), navega en mercantes estranxeiros, casa coa súa Encarna de sempre..., e por fin instálase con ela no Uruguai, anque adoita desprazarse (el só) por outros países. Marchan de Montevideo cos seus dous fillos (arestora teñen catro, e catro netas) en 1973, xusto a tempo de lle fuxir ó golpe dos milicos.
     De Riveiro dise no Diccionario de Escritores en Lingua Galega: "Cultiva preferentemente o xénero narrativo, e, en menor medida, o teatro. Varias das súas obras foron premiadas en concursos literarios. Tirou do prelo unha chea de títulos que acreditan a súa fecundidade como escritor".

[Febreiro, 2002]

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega