Marica Campo


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1maricacampo.html

AUTOBIOGRAFÍA?

     Segundo me contaron, nacín o 24 de febreiro de 1948, nevaba e o meu pai estaba cun pé no outro mundo. Na partida de nacemento figura o 25. Seique retrasaron a data por non pagaren unha multa. Parece ser que, para as nenas, había un mes de prazo e, por mor da doenza do meu pai, sobrepasárono nun día e, quenqueira que me fose inscribir, decidiu cambiar a data. Afortunadamente meu pai non morreu e despois de min —que era a quinta muller— veu o neno e despois outras dúas nenas máis.
     Nacín no Val do Mao, no concello do Incio, ao Sur de Lugo, e alí pasei os primeiros anos.
     Á escola fun en Lugo, mais pasaba o curso soñando co verán no Val do Mao, un espacio para a liberdade e as aventuras infantís. Alí, as sete irmáns, o irmán e mais un curmán que vivía con nós, fixemos historia por mil e unha trasnadas que sería imposible relatar neste espacio.
     Falabamos castelán, mais escoitabamos continuamente o galego porque, a maioría das xentes do lugar, por fortuna, non mudaban de lingua para conversar con nós. Tamén o meu pai, que disimulaba o seu galeguismo por mor dos tempos que corrían e por ter tido algúns problemas ao estalar a guerra, nos ía ensinando moi sutilmente cousas de Galiza e da nosa literatura.
     Había algúns libros en galego na biblioteca da casa, unha biblioteca heteroxénea, mais bastante ben surtida se se ten en conta o momento do país. Isto, sumado ao exemplo dun pai e dunha nai bos lectores, fixo que tamén nos o fósemos.
     Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou nun gramófono ao que lle había que dar manivela. Como as cancións eran La zarzamora, tangos e cousas polo estilo, eu escribía verdadeiros folletíns que supoño que, de lelos agora, faríanme rir moito.
     Fun moi mala estudiante, sobre todo en matemáticas que, aínda que as entendía ben, non me gustaban nada. A verdade é que, se atendía nas aulas, pouco máis tiña que facer, pero estaba sempre de corpo presente e de espírito ausente. Os meus pais desesperaban comigo porque, ademais, era rebelde e negábame tamén a facer os labores domésticos que me correspondían no reparto de tarefas. Tampouco gustaba de que me despertasen para ir á misa que o cura viña celebrar todos os días das vacacións á capela da casa. Eu era, resumindo, a ovella negra da familia.
     Mais aos quince anos "convertinme" e quixen ser misioneira. Ingresei nunha orde relixiosa. Os meus pais, que eran moi píos, deixáronme ir aínda dubidando de que botase alí máis dunha semana, pero foron cinco anos, tres meses e vintecinco días. A experiencia serviume para me facer máis reflexiva e disciplinada e, dende logo, non volvín suspender.
     Acudín á Universidade Pontificia de Salamanca onde fixen estudios de Teoloxía. Obtiven o título de mestra en dous cursos, por libre, e tamén iniciei Filosofía e Letras, pero abandonei pronto porque non me chegaba o tempo para traballar e mais ler. Durante moitos anos lin un promedio de seis libros á semana.
     Os meus primeiros relatos, en castelán, publiqueinos nunha revista de mestres que se editaba en Madrid e que se chamaba "Contacto y acción".
     Paseime ao galego, tanto na práctica monolingüe da fala como na escrita, durante a miña estadía no Colexio Público de Castro de Rei. Alí descubrín o desaxuste en que vivía ao estar nunha casa prestada tendo casa de meu. Nesta mudanza axudoume moito Xosé Manuel Carballo, o primeiro traductor de Molière ao galego entre outras moitas cousas.
     Durante anos escribín poemas que gardaba, publicaba algún solto en revistas ou recitaba nalgún acto colectivo. Participei nalgúns concursos de poesía, prosa e, mesmo, teatro con bastante sorte. Pero non me molestaba en xuntar as cousas para un libro, aínda tendo o ofrecemento de máis de unha editorial. Tamén facía algunha letra para Fuxan os Ventos.
     A insistencia de moitos amigos e amigas non valeu de nada ata que dous profesores da Mariña de Lugo, Bernardo Penabade e Carme Cociña, e mais a escritora Pilar Pallarés, se xuntaron comigo unha fin de semana e me axudaron a facer unha escolma. Foi a pequena antoloxía titulada "Tras as portas do rostro".
     Exercín a miña profesión en moitos sitios —Muimenta (Cospeito), Castro de Rei, Canarias, entre outros— pero onde estiven máis anos foi na Mariña de Lugo. Na actualidade imparto aulas no IES de Guitiriz.
     Teño pouco tempo para escribir e non consigo librarme de cargas e compromisos que me ocupan abondo, mais son de escrita moi rápida. Hai relatos de "Confusión e morte de María Balteira" que fixen en pouco máis de dúas horas. Os trinta e tres sonetos de "Pedinche luz prestada" foron catro días. Unha novela curta que me premiaron no Concello de Vilalba elaboreina en seis días... Isto non quere dicir que a xestación non fose longa, senón que o parto foi rápido. E rápido tampouco quere dicir doado.
     Sempre dixen que, antes que escritora era persoa e que, o primeiro, era vivir. Agora, cada vez máis, sinto a necesidade de escribir e penso que, talvez, escribir é vivir.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega