mb2rdieste.html
Rafael
Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves naceu en Rianxo, en
1899. Matriculado en 1914 na Escola Normal de Compostela,
interrompeu os seus estudos para viaxar a México, onde moraba
un irmán seu. De regreso a Rianxo, finalizou a carreira e
iniciou a súa relación coa literatura levando como compañeiro
de viaxe a Manuel
Antonio. Ambos coñeceron o federalismo e o
nacionalismo a través do maxisterio de Vicente
Risco.
En 1921 foi enviado á guerra colonial en
Marrocos, onde permaneceu até 1923. De regreso en Galiza,
colaborou en varios xornais de Vigo: Faro de Vigo, Galicia
e El Pueblo Gallego. Con oito dos relatos que foran
publicados na imprensa, preparou a primeira edición de Dos
arquivos do trasno (1926). Un ano despois vía a luz a peza
dramática A fiestra valdeira. Coa súa lectura
ingresaba, en 1927, no Seminario de Estudos Galegos.
Dieste formou parte daquela nova
xeración que se debateu entre a dedicación á causa galega e o
desexo dun triunfo persoal máis amplo nas letras españolas.
Así, en 1932 trasladouse a Madrid para iniciar a súa carreira
como escritor. Foi animador nas Misións Pedagóxicas, e en 1933
encabezou a misión que visitou Galiza. Como bolseiro da Junta de
Ampliación de Estudios da República, viaxou por Europa e a
sublevación fascista sorprendeuno sendo director do Teatro
Español de Madrid.
Durante a contenda do 36 formou parte da
Alianza de Intelectuais Antifascistas e colaborou na revista Nova
Galiza. Seguiu a retirada republicana a Valencia e Barcelona
para acabar marchando ao exilio en 1939. Despois dunha estadía
en Uruguai, estableceuse en Bos Aires, onde traballou como
director literario na Editora Atlántica. En 1948, viaxou por
Europa como comisionado do Museo Nacional de Artes Plásticas de
Montevideo, e aceptou un posto de lector de Lingua e Literatura
Españolas na Universidade de Cambridge, ao que seguiría outro
lectorado no Instituto Tecnolóxico de Estudios Superiores de
Monterrei. En 1954 regresou a Bos Aires e á Editorial
Atlántida, na que aparecerá a versión definitiva de A
fiestra valdeira (1958).
En 1961 voltou a Rianxo e, un ano
despois, Dieste publicaba en Galaxia unha reedición de Dos
Arquivos do Trasno, ampliando o número de contos. A
mediados desa década instalouse na Coruña e en 1970 ingresou na
Real Academia Galega como membro de número. Colaborou en
diversas publicacións e foi requerido para participar en
conferencias, homenaxes, mesas redondas... As súas
intervencións nestes actos públicos foron recollidas no libro
póstumo Encontros e vieiros (1990). En 1977 asinou o
"Manifesto dos 29", reclamando o autogoberno para
Galiza. Poucos meses antes da súa morte, acaecida en 1981,
apareceu o volume Antre a terra e o ceo, que recolle
artigos dos anos vinte publicados en El Pueblo Gallego.
|