m1oteropedrayo.html
Don
Ramón Otero Pedrayo naceu en 1888 en Ourense, no seo dunha
familia fidalga, culta e liberal. Cursou o Bacharelato en Ourense
e a licenciatura en Dereito e Filosofía e Letras en Madrid. De
volta á súa cidade natal pasou a ser unha das figuras máis
dinámicas do ambiente cultural do Ateneo, xunto con Vicente
Risco, Florentino Cuevillas e Primitivo Rodríguez Sanjurjo. Con
este grupo, completamente desligado da cultura e política
galegas, Otero dará os seus primeiros pasos na literatura,
intervindo na redacción da revista La Centuria
(1917-1918).
Pouco despois, a instancias de
Antón Losada Diéguez, o grupo tomaba consciencia da
problemática do país e ingresaba nas fileiras do galeguismo. En
1919, Otero gañou as oposicións a cátedras de ensino medio e
axiña foi destinado ao Instituto de Ourense. A partir de agora
vai dedicarse ao cultivo das nosas letras nos ámbitos máis
diversos, distinguíndose como un dos máis insignes polígrafos
galegos. Colabora en diferentes xornais e revistas, desenvolve
unha intensa actividade na sección de Xeografía e Historia do
Seminario de Estudos Galegos e principia o seu labor como
escritor. A súa primeira obra narrativa foi a novela curta Pantelas,
home libre (1925), á que seguirán Os camiños da vida,
Arredor de sí, A romaría de Xelmirez... Tamén
cultivou Otero o relato breve e o ensaio, fundamentalmente de
carácter histórico, xeográfico e literario, ao tempo que se
revelaba como orador de extraordinarias cualidades, espontáneo e
exuberante.
Participa na fundación do Partido
Galeguista e sae elixido, en 1931, deputado das Cortes
Constituíntes. No seo do Partido, Otero situábase
ideoloxicamente no bando conservador, mais acatou a decisión da
maioría cando esta optou pola integración na Frente Popular. Ao
comezar a guerra civil, a pesar do seu talante conservador e
relixioso, Otero foi expedientado, cesado como catedrático de
instituto e retirouse á casa familiar de Trasalba. Desde alí
colaborou puntualmente na prensa americana, en publicacións
madrileñas e catalanas e, xa a mediados da década de corenta,
con maior asiduidade en diferentes xornais galegos.
En 1949 foi restituído na súa
cátedra de Instituto e no ano seguinte gañou a cátedra de
Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela.
Participou tamén na fundación da Editorial Galaxia, para a que
entregará a colección de relatos Entre a vendima e a
castiñeira e numerosos traballos que foron publicados na
revista Grial.
Na capital galega vai morar ata
1958, etapa na que servirá de guía á mocidade galeguista que
está a xurdir nos ambientes universitarios e contribuirá á
súa vertebración. No momento do seu falecemento, en 1976, era
considerado unanimemente o patriarca das letras galegas, creador
dunha vasta e plural obra literaria e ensaística, e un grande
exemplo da resistencia galeguista na longa etapa da ditadura.
Home dunha vastísima cultura, Ramón Otero Pedrayo integra, con
Risco, Castelao e Losada Diéguez, o denominado Grupo Nós.
Fundación Otero Pedrayo
|