m1rvilarponte.html
Ramón
Vilar Ponte naceu en Viveiro no ano 1891. Licenciado en
Filosofía e Letras, dedicouse profesionalmente ao ensino privado
e ao xornalismo en diversas publicacións periódicas, onde
emprendeu intensas campañas anticaciquís.
Desde moi novo partillou co seu
irmán Antón as inquedanzas galeguistas. Xunto con Porteiro
Garea, Viqueira, Peña Novo,
Losada
Diéguez, Cabanillas e
Risco,
Ramón será un dos ideólogos das Irmandades da Fala,
constituídas na Coruña en 1916 por iniciativa dos Vilar Ponte.
Anos despois, establecido en Ferrol como director de El
Correo Gallego, fundou, xunto con Xaime
Quintanilla, o Boletín
Mensual da Irmandade da Fala desta localidade e a editorial Céltiga
(1922).
Convencido da personalidade de
Galiza, defendeu o ideario das Irmandades en diferentes ensaios e
escritos didácticos. Da súa produción podemos destacar Doctrina
nazonalista (1921), redixida baixo a fórmula de catecismo,
con perguntas e respostas; Historia sintética de Galicia
(1927), vehemente defensa, prologada por Risco, dos valores do
noso pobo desde a óptica nacionalista, e un volume titulado Breviario
da autonomía, en que relaciona o programa galeguista coa
alternativa histórica que se presenta coa segunda República.
A pesar de non cultivar o xénero
dramático, Ramón Vilar Ponte traduciu á nosa lingua, xunto co
seu irmán e P. R. Castro, Catuxa de Houlihan (1935) e O
país da saudade (1977), dous folk-dramas do irlandés W. B.
Yeat.
Ramón Vilar Ponte, que ingresara
na Real Academia Galega en 1951 cun discurso titulado "A
Xeración do 16", faleceu na cidade da Coruña no ano 1953.
|