mb3ramondevalenzuela.html
Ramón de Valenzuela
Otero naceu en Silleda (Pontevedra) en 1914. Estudou o
Bacharelato en Compostela e principiou a súa etapa universitaria na Facultade
de Dereito (1931-1932), acabando logo na Facultade de Filosofía e Letras. Un
ano despois ingresou por oposición nunha escola de Pontevedra, onde continuou
os tres cursos perceptivos de Maxisterio; foi nomeado mestre en Vigo, mais non
puido exercer polo inicio da guerra. Sería en 1945 cando voltase aos estudos
universitarios para se licenciar en Filosofía e Letras en 1947. Por volta dos
anos 1934 e 1935 dedicouse a narrar contos populares en teatros e en Radio
Pontevedra. Con só dezaseis anos xa organizara unha escola para adultos onde as
aulas se impartían en galego; formou parte aquí con Álvaro das Casas do grupo
galeguista Ultreya.
Colaborador do Seminario de Estudos Galegos e militante do Partido Galeguista
foi detido e encarcerado na casa do concello de Silleda en 1936. Tras saír do
cárcere decidiu militarizarse como voluntario no bando franquista; en 1937,
destinado en Cáceres, pasou ao bando republicano.
Dous anos máis tarde, na súa fuxida a Francia, estivo internado nun campo de
concentración e desde alí escribiu á Sociedad Pro-Escuelas de Bandeira en Bos
Aires, para solicitar axuda. Xa recuperada a liberdade, colaborou co exército
francés até que a policía alemana o devolveu ás tropas franquistas
españolas, que o condenaron a morte, confinándoo nunha cárcere de Ávila. En
1949, conseguido xa o indulto, emigrou a Bos Aires avalado pola Sociedad
Pro-Escuelas de Bandeira. Alí traballou de crítico literario nas revistas La
Gaceta de Tucumán e Galicia Emigrante (dirixida por Luís
Seoane) e impartiu
aulas de Xeografía Galega durante tres cursos na Asociación Gallega de
Universitarios y Artistas, colectivo do que formou parte.
Ramón de Valenzuela desenvolveu unha importante actividade cultural no Ateneo
de Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires, ademais
de pronunciar múltiples conferencias en diversas Institucións Galegas da
Arxentina e Uruguai. En 1957 publicou a súa primeira novela, Non agardei por
ninguén, na editorial Citania de Bos Aires. Nesta mesma editorial, anos máis
tarde, sairía á luz a segunda e derradeira novela autobiográfica, Era tempo
de apandar (1980).
Como autor teatral estreou As bágoas do demo (1964) no Teatro Castelao do
Centro Galego de Bos Aires. Esta obra representou o derradeiro intento dos
exiliados por manter o teatro galego na emigración.
Regresou a España dous anos despois e dedicouse á docencia en Madrid no
Círculo de Estudios Galegos. En 1974 escribiu O Naranxo, unha escolma de
relatos que xa publicara con anterioridade e deu numerosas conferencias, entre
elas a polémica Historia do galeguismo político (1976) pronunciada na
Facultade de Económicas de Santiago de Compostela e publicada ese mesmo ano en
Edicións Akal.
Ramón de Valenzuela faleceu en Sanxenxo en 1980.
|