vb2teresamoure.html
Non me gusta mirar para
atrás porque non sempre me recoñezo no que foi pasando. Contáronme que nacín
cando os astronautas comezaban a explorar a Lúa; de aí véñenme o espírito
soñador e as ganas de ir por libre. Toda a miña infancia estivo marcada pola
enfermidade que me atou a unha cama e, consecuentemente, obrigoume a ser amante
dos libros e dos mimos. Contravindo as decisións habituais na miña tribo para
as mulleres do meu tempo, deume por ser nai cedo e, para seguir distinguíndome,
por recuncar varias veces no experimento. Meus tres fillos vanme criando como
poden, porque son un xardín húmido, con especies imposibles de clasificar que
poñen a proba a súa capacidade de xardineiros, domadores de enredadeiras
tumultuosas e exterminadores de plagas. Noutras palabras, que son rebelde e
desconfiada, gústame escarmentar en cabeza propia e levar o pelo sobre a cara.
Eles, os meus tres, que son sabios, van orientando as miñas inseguridades,
templando a miña natureza volcánica, axudándome a decidir; vanme, xa o dixen,
criando como poden: cravándome titores nos laterais e abonando os meus soños
selváticos. As veces tamén lles axudan na tarefa os meus alumnos e as miñas
alumnas, outro grupo de seres alucinantes, que teiman en facer de min un ser que
ame a linguaxe. Se cadra, xa o amaba antes mais non me decatei ata que @s
estudant@s universitari@s se me puxeron diante pedíndome que falase de algo.
Nese momento da miña boca abrollaron os adxectivos barrocos e os verbos de
acción mais axiña albisquei que as que realmente nos facían gozar eran as
preposicións. Gústanme os salseiros que salfiren con pingas prometedoras cando
bogo pola ría, os nomes de lugar, o queixo, as árbores, os gatos, a cor verde,
o Subcomandante Marcos, os crebacabezas, nadar, as flores das cerdeiras, remexer
nas librarías, as películas de Humphrey Bogart, a auga, ter tempo, o viño, os
bicos, escachar a rir ata que me doa o ventre, a chuvia, o sol, a Revolución,
os ordenadores, a poesía, o jazz, limpar a fondo e ordenar os armarios, as
conversacións con respostas picantes e rápidas, os cadros de Magritte, os
amorodos, o vento nordés e a utopía. Porén, o que máis me gusta é poñer o
mundo patas arriba. Para que os tópicos non boten raíces e nin eu mesma crea
que é verdade todo o que digo.
|