Tucho Calvo


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2tuchocalvo.html

     Tucho Calvo (José Benito Calvo Rego, La Guaira-Venezuela, 1954). Fillo de pais emigrantes, chega a Galicia polo porto de Vigo na viaxe do trasatlántico Santa María que seguíu ó seu secuestro por Galbao e o comandante Sotomayor, para pasa-la súa infancia en Loiba-Ortigueira. Accede ao xornalismo pola vía profesional e cursa estudios que non remata de Filosofía e Letras en Santiago e de Periodismo en Madrid, simultaneando xa estes co traballo en diversos medios. Xornalista vencellado a “La Voz de Galicia” dende 1976 ata 2010, nela exerceu os máis diversos cargos, dende auxiliar de redacción a redactor xefe de deportes durante oito anos, de Cultura ou de Accións Especiais.

Comezou no mundo da prensa en “El Correo Gallego”, do que sería despedido tras esixir da dirección que se informase obxectivamente do conflicto planteado cando o alcalde compostelano e asesor xurídico da empresa editora, Antonio Castro, afirmou que Castelao non merecía nin unha conferencia e suscitou a reacción dos intelectuais galegos encabezados por Otero Pedrayo. Colaboraría posteriormente, entre outros medios, en “La Región”, “Arriba”, “Opinión”, “Ciudadano”, “Radio Francia Internacional” e “El Pais”.
     A mediados dos 80, dirixiu durante unha breve etapa o diario “La Crónica de León”.
     Como escritor deuse a coñecer con “Froito das lembranzas” (Edicións do Cerne, 1981), que acadou o Premio Galicia —daquela o de maior dotación económica no país— en xullo de 1980. A súa segunda novela foi “PAE-Século XXI. No comenzo dunha nova historia da humanidade” (Edicións do Cerne, 1982).
     Dende que en 1977 recibiu o terceiro premio no concurso de contos infantís de O Facho, merece o recoñecemento de certames como o Modesto R. Figueiredo (1980 e 1981) e O Meco (1983). Relatos seus publícanse en Man Común (1981), La Pluma (1981) e Sapoconcho (1995). A maioría deles agrúpanse en “Astra o confín” (Ediciós do Castro, 1983), que ilustrou Xaime Quessada.
     No 1988, Ediciones Júcar encárgalle un texto para a súa colección “S.O.S. tu libro juego de aventuras” que se titularía “El laberinto de Krochne”. O seu traballo literario deixou de ter unha proxección exterior deica “Telúrico” (Espiral Maior, 1997).
     Publica na Biblioteca Gallega “O legado xornalístico de Valentín Paz-Andrade” (1977) e encárgase no xornal da edición de “Murguía e La Voz de Galicia” (2000), do que se fixo unha tirada sen precedentes en Galicia —150.000 exemplares— para agasallar co periódico o Día das Letras Galegas. Con él ábrese unha colección que inclúe títulos sobre Eladio Rodríguez, Cunqueiro e Curros.
     A finais do 1998 firmou a biografía “Valentín Paz-Andrade, a memoria do século” (O Castro), que tería unha segunda edición revisada en 2011 (Biblos). Participou previamente en traballos colectivos de homenaxe a Blanco Amor e Laxeiro.
     “Luz de abrente” (Galaxia, 1999) aparece nun ano no que tamén participa no libro de relatos colectivo “Deixade pois que voe o Paporroibo, que nos conte contos”.
     A partir de agosto de 2000 coordina en “La Voz de Galicia” unha experiencia de enorme éxito, as “Páxinas literarias”, na que participan ese ano máis de setecentos lectores cos seus relatos, 31 autores consagrados e na que se publica por capítulos a súa novela “O xabaril branco” con ilustracións de Miguelanxo Prado. Esta, difundida tamén a través da páxina web do periódico, convértese na primeira novela en galego que se puido baixar da rede en formato PDF. A súa aparición en libro fíxose da man da editorial Ir Indo, e posteriormente formando parte da Biblioteca Galega 120 de La Voz, unha colección que dirixe no ano 2002 e que acada unha popularidade sen precedentes que logo terá o seu complemento en dúas novas coleccións, a Biblioteca Gallega de Autores en Castellano (2004) e a Biblioteca Galega de Clásicos Universais (2005). Tamén Biblos lanzou unha edición de "O xabaril branco" da que Gadis distribuíu sete mil exemplares ademais de publicala en castelán para os centros de fóra de Galicia.
     En maio do 2002 coordina o relanzamento da revista de banda deseñada “Golfiño” con La Voz de Galicia. A súa aparición semanal captou de partida a máis de dez mil lectores.
     Ir indo publicoulle o relato infantil “A castaña que chegou a árbore”, con ilustracións de Pitón, e Kalandraka editou “Gatipedro”, un libro que ilustrou Antonio Caíña e que inclúe un cd cunha peza do compositor Javier Santacreu interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, con Santiago Fernández como narrador.
     “Corazón entre desertos” (Ir Indo) é un libro de relatos que recolle a súa producción neste eido dos últimos quince anos, desque aparecera “Astra o confín”. Tamén hai unha edición de Biblos de 2009.
     En marzo do 2002 lanza con Carmela González Boó o proxecto Biblos Clube de Lectores e a colección Mandaio (pensada especialmente para os seus socios), coa idea de facer visibles a produción cultural galega (libros, discos, cine...) e portuguesa, así como os seus protagonistas.
A novela de terror "Formigas", da que Gadis distribuíu trinta mil exemplares entre os seus clientes o Día das Letras Galegas do 2012, e o álbum infantil "Paxaro de mar e vento", ilustrado por Xosé Cobas (ambas en Biblos), son os seus últimos traballos publicados.

[Decembro, 2012]

 


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega