Xabier Quiroga


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb2xabierquiroga.html

      Nacín terra adentro, onde o inverno achega solpores de xeada e a primavera mima á lúa ceiba que busca amantes. Non é poesía, senón realidade.
     De novo fun e vin polos camiños, incluso padecín o duro asfalto. Coma todos.
     Agora matino. Non sei se acertadamente ou non.
     Na idade, quizais me falte unha cuarta para madurar. Quizais. Pero prefiro non dar contas do meu, para que non me coñezas. Será que xa era desconfiado antes de que inventasen a desconfianza.
     Así e todo considérome un tipo un tanto listo de menos, que valora ó seu xeito as cousas que ve, os feitos que pasan. E máis as ideas, os sentimentos, que importan.
     Será que agardo que a folIa caia antes de falar.
     Por ter teño sorte de vivir alonxado e ver os paxaros na figueira, como peteirean se perden. E sentilos. Como as horas que pasan e non voltan. Será tamén que me doe o mundo este, tan fugaz e aproveitado que amosa o monetario e agocha valores verdadeiros. Por iso calo. Así de agoiro, son, entre outros defectos.
     Chegado de pouco ó caso da literatura, onde hai escasa reflexión e máis negocio, son tan novato que receo de todo. De aí que non me entregue. Anque me prace saber que aí detrás pode haber alguén que le o que un escribe, saberás desculpar esa teima.
     Se por pedir é dado, prefiro que me leas, sempre e cando o tempo e a ousadía che ceiben o instinto. Porque nesta época de tragar mentiras tan inmediáticas, e sabendo como sabes que o mesmo ruído non deixa ver con claridade e pensar é un privilexio con razón, convén non fiarse do que din. Nada. Como eu non fío da curuxa que me abouxa cada noite. Por iso che pido o mesmo. Desconfía de min. Se o precisas, fíate só do que ti interpretas, anque naza nos inventos da ficción que, como puñal, se espeta na vida. E gota a gota, desa ferida, vanse enchendo como páxinas os días. Un tras outro. Ata a derradeira.
     De todo canta obra levo escrita, pouco dei. Atuado na braña. E aínda sen saber se a mereces, alá ti, tómaa como che praza. Divertimento, historia real, literatura á vella usanza. Pero cando a teñas nas mans, fai o favor, que non che meta medo o grosor. Nin sequera o prezo, do que proclamo a inocencia. É unha novela e o demais son contos, que dixo un amigo, despois de leIa. Lembra, ademais, que no atrevemento está o inicio de toda aventura. E, como se fose licor dunha botella de náufrago que abalou a marea e te procurou precisamente a ti, bébea a modo, pode ser pesar que escorreu polo sumidoiro dos lacrimais, pode ser unha mentira. Pode non ser nada.
     E eu, no cabo, cando ó mellor teña algo máis que dicir, seguramente escoitarei como chove e lle darei dúas voltas antes de entregalo. Seguramente. Coma esta autobiografía incompleta.
     Síntoo, pero o normal non tiña traza.

[Agosto, 2002]


¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega